Xustiza

A vítima dunha violación en Ourense asegura no xuízo que quixo "aparentar normalidade" porque temía pola súa vida

Sede da Audiencia Provincial de Ourense. (Foto: Europa Press).

Os axentes de policía que atenderon a denuncia dan por boa a súa versión mentres o acusado defende que o sexo coa vítima, con quen compartía domicilio de forma temporal desde uns días atrás, "foi consentido".

A vítima dunha violación en Ourense en 2022 asegurou esta segunda feira durante o xuízo que tratou de "aparentar normalidade" porque temía pola súa vida e que, por iso, esperou á mañá seguinte dos feitos para saír da casa "coa escusa de ir traballar", dixo, e dirixiuse a un bar, onde recibiu folgos dunha camareira para denunciar o que ocorrera a noite anterior. Así o trasladou durante o seu testemuño no xuízo decorrido na Audiencia Provincial de Ourense contra un home para o que Fiscalía pide 8 anos de prisión, reclamación que a acusación particular eleva a 9.

Os feitos remóntanse á primavera do 2022 e en concreto ao mes de abril, cando o acusado, segundo o escrito fiscal, estaba só na vivenda coa muller, que acababa de chegar catro días antes á cidade de Ourense e residía de forma temporal xunto a unha amiga, a súa parella e mais o propio acusado. El, "guiado polo ánimo satisfacer os seus desexos sexuais", dirixiuse espido á habitación onde ela durmía. Após chamar á porta, cando ela abriu, "abalanzouse" e, "empregando a forza" mentres lle manifestaba que "podía matala", obrigouna a introducir o seu pene na boca.

Seguidamente o home sacoulle á forza o pixama, unhas medias e a roupa interior. "Agarrándoa do pescozo, tapoulle a boca para que non berrase" e penetrouna sen usar preservativo. Segundo o relato do Ministerio Fiscal, despois quedou na cama xunto á vítima contándolle cousas sobre a súa vida e propóndolle matrimonio, mentres ela, "por medo", seguíalle a corrente.

Durante a vista oral o acusado contou que a noite dos feitos a muller chegou á vivenda e preparouse a cea sen lla ofrecer a el, unha actitude que recoñeceu que non lle "gustou" porque no domicilio "había a norma de facer as comidas para todos". Após ese momento el quedou no salón vendo a televisión e, nun momento, segundo a súa versión, ela aproximouse e el, molesto pola cea, contestoulle de forma brusca.

"Estiven a ver a tele e pensando que fora brusco, así que sobre as doce e pico fun á súa habitación a pedir desculpas", relatou, asegurando que a muller as aceptara e que se puxeran a "falar de máis temas" dunha forma "bastante agradábel", primeiro de pé e despois sentados na cama. "Ela estaba moi sexy" e "sentinme cómodo", dixo o procesado, segundo o cal, nun momento dado, interpretou que lle podía dar un bico, mais ela "botouse cara atrás".

A pesar diso, explicou que "practicamente" se atopaban "pegados" e que "sentiu conexión". Segundo a súa versión, a relación "foi consentida" e mesmo chegou a consultar se era necesario o uso de preservativo, e foi ela "a que dixo que non facía falta".

Versión da vítima

A versión da vítima é radicalmente oposta á do acusado, con quen compartía piso desde había catro días. Mudouse alí porque era onde vivía unha amiga coa súa parella, ademais do acusado, quen non se atopaban na casa o día dos feitos. Ela narrou que esa noite, arredor da unha da madrugada, o suposto agresor tocou a porta da súa habitación e, ao abrila, atopouno "espido e erecto". Nese momento, "abalanzouse" sobre ela "arrincándolle" a roupa. "Comecei a chorar e a tremer e el sobábame", esgrimiu a denunciante, que sostén que mentres a suxeitaba do pelo dicíalle "non te fagas a santa".

"Parecía que quería lesionarme todo o corpo", manifestou, sinalando que houbo "afogamentos", tiróns do pelo e que el non utilizou un condón. "O xa veu coa intención de facerme dano, díxome, 'o teu pecado é ser tan fermosa, quero casar contigo'", incidiu. A continuación, indicou que quedou na cama con el mentres o home chegaba a proporlle ter fillos. "Tiña medo", recoñeceu antes de subliñar que, por ese motivo, quixo "aparentar normalidade" porque temía pola súa vida. Por iso, esperou á mañá seguinte para dicir que tiña que marchar a traballar, duchouse e acudiu a un bar onde a camareira dixo "que tiña que denunciar".

Varios axentes que tomaron tanto o seu testemuño como vestixios no domicilio consideraron que o seu estado "era compatíbel co que contaba". "Estaba ansiosa e alterada" e "non cremos que mentise", sostiveron os axentes, que á vez apuntaron que el "seguía na cama e mostrouse tranquilo, non se puxo violento nin nada". A consecuencia destes feitos, a vítima presentaba feridas que requiriron para a súa curación dunha primeira asistencia médica e ademais requiriu apoio psicosocial, estando impedida de forma moderada durante un mes.

Así as cousas, o Ministerio Fiscal pide 8 anos de prisión por un delito continuado de violación e a pena de prohibición de aproximarse á vítima, ao seu domicilio ou lugar de traballo durante tamén 8 anos. Aliás, polo delito leve de lesións pide un mes de multa a razón de seis euros e en Responsabilidade Civil 1.800 euros polas lesións sufridas e outros 6.000 euros polo dano moral causado.

Pola súa parte, a acusación particular, que exerce a vítima, pide 9 anos de prisión, unha multa de seis euros ao día durante tres meses e en Responsabilidade Civil 2.395 euros polas lesións e 9.000 euros por dano moral. Ambos os letrados ven que a declaración da vítima "debe ser unha proba directa" do sucedido e consideran que "foi persistente" ao longo do tempo. Pola súa parte, a defensa pide a libre absolución do seu patrocinado aludindo ao principio de 'in dubio pro reo'.

O acusado defendeu na quenda de última palabra a súa inocencia asegurando que non fixera "iso". "Sei perfectamente o que ocorreu e ela tamén. Non son violento e nunca fixen dano a unha muller, estiven casado e a día de hoxe manteño contacto coa miña ex muller, e podedes preguntarlle", subliñou.