A vítima do crime de Gondomar sufriu "un ataque moi violento" e foille "imposíbel escapar" dadas as súas doenzas

Irmás e outros familiares de Soledad R. V., presuntamente asasinada polo seu marido en Gondomar (Vigo), en decembro de 2020, concentrados ás portas dos xulgados de Vigo con motivo do xuízo por este crime. (Foto: Europa Press)

O acusado asegurou á Garda Civil que era a súa muller quen o maltrataba psicoloxicamente.

A muller de 59 anos de idade, Soledad R.V., que foi presuntamente asasinada polo seu marido o 2 de decembro de 2020 na casa familiar de Gondomar (comarca de Vigo), sufriu "un ataque moi violento" e foille "imposíbel escapar" debido ás súas doenzas e problemas de mobilidade, segundo referiron esta terza feira os forenses, na segunda sesión do xuízo contra o presunto asasino, Valentín A.B., na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo.

Estes especialistas detallaron que a vítima tiña "drasticamente diminuídas" as súas posibilidades de defensa ante o ataque "moi violento" que sufriu ("hai que exercer unha forza considerábel para atravesar as costelas cun coitelo", apuntaron), xa que padecía problemas de mobilidade derivados da súa obesidade mórbida, artrose en ombreiro, xeonllos e cadeira (da que estaba recentemente operada). Ademais deses problemas para defenderse, os forenses ven a escapatoria "imposíbel".

Na súa declaración ante o tribunal de xurado, os forenses explicaron que a vítima sufriu unha vintena de lesións, das que oito foron graves e unha delas (que lle afectou ao corazón) foi "mortal de necesidade". Esas feridas graves, en pescozo e tórax-abdome, consistiron en dous cortes "intimidatorios" no pescozo e varias lesións incisas, coiteladas, que perforaron costelas, atravesaron un pulmón, chegaron ao corazón e tamén ao peritoneo.

En concreto, a lesión que afectou o corazón produciulle unha hemorraxia masiva e era unha ferida letal, mesmo cunha asistencia sanitaria urxente. Todas as lesións, segundo os forenses, producíronse nun espazo de tempo de "segundos" e había tamén feridas menores "compatíbeis con forcexo e defensa".

Estes expertos analizaron varios coitelos e unhas tesoiras atopadas na escena do crime, e concluíron que as feridas da vítima era compatíbeis co uso dun deses coitelos, que ten unha folla duns 20 centímetros de lonxitude por catro centímetros de ancho.

Nesa arma só se atopou ADN do acusado, algo que os forenses explicaron porque cren que Valentín A.B., tras agredir á súa muller, se autolesionouse con ese mesmo coitelo, provocándose cortes nos pulsos e unha ferida incisa no peito. "O sangue del enmascarou os vestixios dela", sinalaron.

"Fallei no meu intento de matarme"

Na xornada desta terza feira, tamén prestaron declaración no xulgado varios axentes da Garda Civil, tanto de patrulla, como de Policía Xudicial e Criminalística.

Os funcionarios que acudiron en primeiro lugar ao domicilio, alertados por un taxista que levara de regreso ao fillo da parella (e a quen o acusado pediu chamar á Garda Civil porque matara a súa muller), explicaron que tiveron que saltar un muro para acceder á leira e que logo entraron na vivenda por unha xanela de folla de carril.

Nada máis entrar, os axentes atoparon a vítima, xa falecida, no medio dunha poza de sangue, e a uns metros, o seu marido, tamén ferido pero consciente. O primeiro garda que falou con el, declarou que Valentín "entrou en bucle" e non paraba de repetir que fallara "no seu intento de matarse”, que era a súa muller quen o maltrataba, e que el quería divorciarse pero ela non accedía.

Pouco despois, cando xa fora estabilizado polos sanitarios, a outro axente da Garda Civil volveu repetir que fallara “no seu intento de suicidio”. A esta testemuña tamén lle confesou que propinara "un empurrón á súa muller", que ela respondeu collendo un coitelo e que el tamén colleu outro, "e cravoullo repetidamente polo corpo".