A vítima da agresión fascista en Ferrol e unha testemuña identifican un dos presuntos agresores

txute

Puxeron en coñecemento da Policía a identidade desa persoa, que estaría ligada á extrema dereita.

 

F.M.R, o independentista que a semana pasada sufriu unha brutal agresión fascista en Ferrol, e unha testemuña da malleira identificaron a unha persoa como presunta participante nese ataque. Unha identificación que fixeron en sede policial para que ficase constancia da mesma, achegando nome e identidade desa persoa, segundo recoñecen fontes da defensa a Sermos Galiza.

 

O rostro do presunto agresor éralles coñecido á vítima e á testemuña e foron elas as que, a través das redes sociais,  foron quen puxeron nome a esa persoa a través dunha busca nas redes sociais. Dados que a Policía xa ten no seu poder. Na agresión, segundo denunciara F.M.R, participaran entre oito e dez persoas. Fontes do independentismo indican que o presunto agresor estaría ligado a outros incidentes anteriores protagonizados na cidade pola extrema dereita española.

 

F.M.R presentou, acompañado do seu avogado, a denuncia por esta agresión a pasada segunda feira, 11 de marzo. Esta sexta feira o caso aínda estaba pendente de ser asignado a un xulgado en concreto para que inicie o procedemento. Hai certa preocupación a que esta dilación poida prexudicar a vítima. Por exemplo, no lugar onde decorreu a agresión hai unha sucursal bancaria, cuxas cámaras de vixilancia puideron captar imaxes relacionadas coa malleira ou o grupo agresor. Canto máis se tarde en solicitar o vídeo, máis risco de que o mesmo poida non estar dispoñíbel.

 

O independentista F.M.R sufriu unha brutal agresión cando volvía de madrugada a asa, sendo atacado por un grupo de persoas que ao berro de ‘rojo, hijo de puta’ batérono para, unha vez no chan e inconsciente, continuar a golpealo, provocándolle diversas fracturas e fisuras.