Visto para sentenza, con "boas sensacións", o xuízo do locutor Carlos Jiménez contra a CRTVG

O humorista, guionista e locutor Carlos Jiménez (Foto: Defende a Galega).
Jiménez levara os medios públicos ante a Xustiza após ser sancionado por unha suposta "incompatibilidade" no seu contrato, algo que a CUT cualifica de "represalia" pola súa defensa activa do movemento Defende a Galega.

O humorista, guionista e locutor da Radio Galega Carlos Jiménez compareceu nesta segunda feira no Xulgado do Social número 1 de Compostela para recorrer pola vía xudicial a sanción que lle fora imposta en 2018 pola dirección da Corporación de Radio e Televisión da Galiza (CRTVG).

Naquela altura, abríraselle un expediente disciplinario por mor dunha falta "moi grave", ao ter detectado unha locución de Jiménez no programa que unha produtora externa gravara para a TVG.

A dirección cualificou este suceso de "competencia desleal" e "incumprimento da normativa de incompatibilidades" das e dos traballadores dos medios públicos; porén, desde o seu sindicato, a Central Unitaria de Traballadores (CUT), defenderon desde o primeiro intre que o xornalista "ten concedida" a citada compatibilidade de actividades profesionais.

"Nunca houbo ningún problema nin reproche, malia que a compañía pública revisa todos eses programas antes de emitilos e aí estaba a voz de Carlos", dixeran desde a CUT, que cualificou a suspensión que sufrira Jiménez de nove días sen emprego nin soldo como unha "represalia" polo seu activismo a prol do movemento Defende a Galega.

Sensacións "moi boas"

Após o xuízo, a responsábel da CUT na CRTVG, Raquel Lema, trasladou a Nós Diario as "moi boas sensacións" que tiñan tras o xuízo. "Temos moitas esperanzas en que saia ben, co arquivamento da sanción ao non haber lugar, ou moi ben, de se apreciar unha vulneración dos dereitos fundamentais por parte da corporación", afirmou.

O avogado de Jiménez, Brais González, engadiu: "A única testemuña que participou a proposta da empresa foi o director da área de contidos da CRTVG [Fernando Rodríguez Ojea], quen na súa declaración limitouse a trasladar que practicamente non exercía ningunha responsabilidade sobre a súa área, non coñecía os programas que se emitían nin a xente que locutaba... A compañía minte para defender unha sanción que agocha unha represalia, mais é moi grave que un directivo dos medios públicos diga que descoñece os seus contidos".

A Fiscalía, pola súa banda, puxo o foco en que o de Jiménez foi "o único caso de incompatibilidade" no que se ten interesado Rodríguez Ojea.