Visto para sentenza o xuízo contra 5 moz@s de Galiza Nova que pintaron un mural en defensa do ensino público

[Imaxe Galiza Nova]

A Fiscalía pide unha pena de localización permanente e o abono do custe de reparación do muro.

 

A pasada cuarta feira (28 de maio) o xulgado de Ponteareas deixou visto para sentenza o xuízo @s 5 militantes de Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, por un suposto delito de "deslucimento" dun muro no que pintaran un mural en defensa do ensino público.

Os acontecementos ocorreron na folga estudantil do 23 de febreiro e @s moz@s foron denunciados por un traballador do Concello de Mondariz por instrución do alcalde, Juli Alén (PP). Após seren identificad@s pola Garda Civil, o empregado público presentou unha denuncia e meses despois comezou o proceso xudicial que fica agora pendente da leitura do ditame da xuiza.

A Fiscalía pide para el@s unha pena de localización permanente e o abono do custe de reparación do muro ao considerar que o mural pintado pol@s estudantes supón un delito de "deslucimento" do muro.

Desde a organización xuvenil denuncian que o ocorrido é parte da "estratexia" do Partido Popular para "criminalizar a mocidade que se rebela" face as súas "políticas antisociais". Porén, advirten, "non lles imos dar tregua e seguiremos mobilizándonos e levando adiante todo tipo de accións contra as inxustizas e pola defensa de dereitos básicos como é o ensino público galego".