Visto para sentenza o xuízo a 6 veciñ@s do polígono coruñés de Durmideiras por protestaren contra a especulación urbanística

Protesta ás portas do xulgado [SG]

No pleno do 6 de agosto de 2012 exhibiron cartaces en contra do edificio de 300 vivendas que o Concello pretende construír no lugar, situado na contorna da Torre de Hércules, provocando "un grande impacto demográfico, ambiental, social e patrimonial" 


Seis veciñ@s do polígono coruñés de Durmideiras sentaron esta quinta feira no banco d@s acusad@s por uns feitos que se remontan ao 6 de agosto de 2012, cando o Concello da Coruña, gobernado en maioría absoluta polo PPdG, aprobou o Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) que afecta á zona e á contorna da Torre de Hércules. 

Está proxectada a construción dun edificio con 300 vivendas que fora descartado nos anos '90, cando o alcalde da cidade era Francisco Vázquez, e que suporá, tal e como denuncian fontes veciñais en conversa con Sermos Galiza, "un enorme impacto ambiental, demográfico e patrimonial", recordando que a Torre foi declarada Patrimonio da humanidade da Unesco.

Durante o pleno de agosto, @s veciñ@s sacaron cadanseu cartaz rexeitando este "pelotazo" nun espazo coñecido como Agra de San Amaro, na baixada á praia, que queren facer edificábel levantando un edificio no lugar onde agora hai unha canteira, o "xardín vertical", como a coñecen no barrio, dada a abundante vexetación que agromou nela. 

A construción realizarase en virtude dun proxecto denominado 'Plan especial de protección da Torre de Hércules'. "Hai que ter cara para lle chamar así", continúan as mesmas fontes consultadas, que enfatizan que o problema "non é só para uns particulares aos que nos van poñer un mamotreto diante da casa que parecerá unha praza de touros", senón para toda a cidade da Coruña. 

Un xuízo "político"

O protesto que protagonizaron non provocou en ningún momento a interrupción do pleno municipal. Porén, foron identificad@s e recibiron unha citación xudicial por alteración da orde pública e desobediencia á autoridade. 

"É un xuízo político", apunta a veciñanza, explicando que a avogada do Concello aproveitou o xuízo "para intentar criminalizar a asociación de veciños de Atocha-MonteAlto", un barrio onde xa pecharon a biblioteca municipal "e acometeron outras represalias pola solidariedade que tiveron connosco e porque non están adoutrinados". Subliñan que "o ataque" contra o presidente da mencionada asociación, Alberte Fernández Marinho, "foi moi descarado". O xuízo quedou visto para sentenza.