Após as sobrevendas do pasado verán

Para visitar as Cíes haberá que ter o permiso da Xunta

[Imaxe: Xunta] Desembarco de visitantes nas Cíes

A Xunta de Galiza implantará o mesmo sistema que na praia de Augas Santas (As Catedrais) para poder visitar ás Cíes. Así, as persoas que queiran visitar o arquipélago, deberán contar con autorización expresa do Goberno galego xa durante a Semana Santa.

As persoas que queiran visitar as Illas Cíes só poderán facelo se contan cunha autorización personalizada expedida por unha central de reservas habilitada pola Xunta antes de comprar os billetes das navieiras. Trátase dun modelo equiparábel ao que o Goberno galego implantou na praia de Augas Santas (As Catedrais) de Ribadeo.

 

Con este método, a Consellaría de Medio Ambiente persegue conseguir que as navieiras só emitan billetes para quen dispoña da autorización previa de acceso. Segundo informa o departamento da Xunta nun comunicado, poderán reservarse até 25 prazas con solicitude, para o cal será necesario indicar os dados persoais. As autorizacións enviaranse por correo electrónico ou poderán descargarse desde a web da Xunta.

 

Ao desembarcar na illa, pedirase a autorización personalizada, o “único documento válido” para poder entrar nas Cíes. Con este sistema, a Xunta pretende evitar a sobrevenda de billetes por parte das sete empresas que viaxan ao arquipélago. O número de visitantes non poderá exceder dos 2 mil na liña regular.

 

Multas ás navieiras

 

Nos últimos catro anos, a Xunta abriu máis de 65 expedientes ás empresas de transporte regular marítimo ás Cíes por irregularidades no servizo, nomeadamente pola sobrevenda de billetes. Porén, malia as sancións económicas persistiron nesta práctica. Os días 3 e 5 de agosto do pasado verán, chegouse a duplicar o máximo de 2 mil visitas diarias permitidas nas Cíes.

 

En 2016, tramitáronse 14 expedientes que se saldaron con multas de 18 mil euros a tres das navieiras. O prezo de 18,50 euros por billete en temporada alta, amortizaría estas multas.