Día da Muller Rural

Visíbeis e diversas

Arabías traballa desde o feminismo coas mulleres do rural galego. (Foto de Lucía Catoira Pan)
Investigación, sensibilidade e formación. Son os propósitos cos que se presentaron hai algo máis dun ano as dúas fundadoras de Arabías, unha cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro que busca tecer redes de acción e participación dende unha perspectiva de xénero.

“Sempre traballamos desde o feminismo” explica a Sermos Galiza Tania Merelas Iglesias, socia traballadora de Arabías xunto a Beatriz López Rei. Por segundo ano, celebran a Escola Espadela en colaboración coa Sección de Mulleres do Sindicato Labrego Galego, un espazo de apoderamento para mulleres do medio rural das comarcas de Arzúa, Betanzos e Ferrol.

“Chegamos ao rural por inquedanza propia, por compromiso co territorio e co país. Era unha necesidade. Eu son dunha familia do rural. Crieime na Coruña e decidín volver, tamén para abrir a posibilidade de ofrecerlles os nosos servizos aos concellos máis pequenos; que aínda tendo vontade, igual dispoñen de menos recursos para poñer en marcha actividades formativos como as que desenvolvemos dentro da Escola Espadela”.

Espadela pretende ser un espazo de encontro, intercambio e formación. Unha porta aberta á participación das mulleres na vida comunitaria a través de procesos de apoderamento persoal, social e político.

Un rural sen servizos

“O rural ten moitas potencialidades, pero require de políticas públicas que o respecten e se comprometan coa súa xente, nomeadamente coas mulleres. En moitos concellos pequenos os servizos esvaécense. O transporte é deficitario, fechan as escolas unitarias, servizos de pediatría; e sen oferta de servizos, a cidadanía foxe cara as vilas máis grandes e as aldeas quedan despoboadas”.

Irixoa, na comarca de Betanzos conta na actualidade pouco máis de 1300 habitantes. A metade son mulleres moi vinculadas á terra e aos traballos do sector primaria. “Na primeira edición de Espadela participaron tres mulleres. Este ano só vai unha” apunta María Cabezal, educadora social do Concello. “Unha resposta moi característica do rural, porque fala do seu illamento, social e xeográfico. As comunicacións non son abondas para unha poboación envellecida que xa non dispón de alternativas coas que antes contaba”.

Con todo, a experiencia foi moi alentadora para quen a viviu, porque mostra outras realidades e tende pontes entre mulleres que aínda vivindo moi perto, non se coñecen. “Crea conciencia de grupo e comunidade”, engade Cabezal.

Para Arabías, o rural é un ámbito de acción indispensábel, e as mulleres que o habitan, protagonistas fundamentais dunha transformación necesaria que lles brinde unha repartición dos tempos máis igualitaria, que as afaste do illamento cultural, que lles permita ser titulares, donas do seu traballo e dos seus ingresos; un cambio que as axude a coñecerse e a recoñecerse, a ser conscientes do seu corpo e das súas emocións.

O envellecemento do rural ten rostro de muller

“As mulleres ás que nos achegamos en moitos concellos son maiores. As máis novas non están. Emigraron. Así que o envellecemento do rural ten rostro feminino” di Tania Merelas. Mulleres coidadoras, labregas, profesionasi, sen tempo de ocio nin moitas oportunidades de exercelo, aínda que queiran. “Os tempos propios das mulleres van sendo expropiados, ou vanos poñendo ao servizo doutros para que si dispoñan deles. E é outra formada de illamento que cómpre reverter”.

Iso é o que procuran na Escola Espadela, onde mulleres rurais, de mundos próximos pero diferentes, se atopan, comparten e aprenden. “Hai moitas mulleres de máis de 65 anos que por primeira vez, despois dunha vida dedicada aos demais, teñen tempo para aí mesmas, para estar en contacto con outras, para descubrir canda elas. E danse conta de que é moi positivo. É fundamental xerar espazos propios de encontro”.

A proposta de Arabías pasa por acompañar e formar mulleres con voz propia para reforzar a súa estima e previr a violencias de xénero; enredadas coa tecnoloxía e as aplicacións móbiles, máis tamén conectadas co seu corpo. Segundo conta María Cabezal, "de repente descobren un sentimento de dereito e de pertenza que as fai sentir recoñecidas, consideradas. Hai alguén, outras moitas mulleres, dispostas a darlles voz e a escoitalas. É unha experiencia de apoderamento moi boa".

E unha forma de sacar á luz un rural diverso habitado por mulleres diversas, din dende Arabías. “Hainas labregas, médicas, migrantes, retornadas. Negar esta realidade é teimar nun relato que as mantén invisibles”.