Ánxela Franco, deputada de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade na Deputación da Coruña

"A visibilización das mulleres deportistas e do deporte feminino é básica para camiñarmos cara á Igualdade"

Contra os elementos é o título do documentario que área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade da Deputación da Coruña, da que é responsábel a nacionalista Ánxela Franco, acaba de estrear para pór en valor deportes minoritarios e visibilizar as mulleres no deporte. A concelleira do BNG en Porto do Son e responsábel de Políticas de Igualdade na Deputación da Coruña fálanos nesta entrevista da fita producida por Esferobite e dirixida por Marcos Nine.

No proxecto que se presentou o pasado 6 de outubro podemos escoitar as voces de futbolistas como Vero Boquete, de xogadoras de rugby como Mónica Castelo, de regatistas de vela como Sofía Toro e de mulleres que levan 20 anos voando en parapente como Mari Carmen Gómez. Representan así os catro elementos naturais en que se divide o proxecto, algo que permite un traballo educativo e de debate de xeito independente: Terra, Lume, Auga e Aire.

"Contra os elementos" é un título moi simbólico. A que se debe esta escolla? Existe algunha intencionalidade nese desenvolvemento fragmentado en catro partes?

Evidentemente escollemos contra os elementos para dar conta das innumerábeis barreiras que teñen que superar as mulleres que queren dedicarse profesionalmente ao deporte. As dificultades comezan na familia, na escola, no contorno máis próximo, mais continúan coa falta de axuda institucional e a invisibilización da súa existencia. Por iso este documental pretende ser un recoñecemento. As mulleres que nel aparecen xa pasaron moitas probas e o seu percurso debe ser utilizado para crear referentes para as nenas que veñen detrás e queren xogar ao fútbol, dedicarse ao pentatlón ou poder participar en calquera deporte sen ningún tipo de traba.

O feito de o dividirmos en catro garda relación coa intencionalidade formativa do documental. Xulgamos que esa é a mellor maneira de ir abordando os temas que saen e de poder centrarse nalgunhas disciplinas específicas. En realidade estamos a falar de cinco curtas (as catro nomeadas e mais unha de resumo que inclúe certa teorización e proxección para un futuro de esperanza), materiais educativos dirixidos especialmente ao público adolescente para crear conciencia de igualdade, combater a discriminación e visibilizar referentes femininos no ámbito deportivo.

Que coincidencias e diverxencias existen entre as deportistas que participan no documental? Porque estamos a falar de disciplinas moi distintas, desde o boxeo á ximnasia artística pasando polo atletismo e o surf.

As coincidencias están nesa loita e superación constante para poderen ser quen son e desenvolver a súa profesión ou a súa práctica deportiva. Hai moitas similitudes en teren a experiencia de se sentiren soas, sen apoio, de ter que xustificar continuamente o que queren facer. E tamén hai unanimidade no referido á satisfacción de sentir que se recoñece o seu traballo. Todas queren que as rapazas que veñen detrás non teñan que pasar polo que pasaron e están dispostas a contribuír co seu exemplo para que as súas vidas non sexan excepcións.

As maiores diverxencias están vinculadas a se o seu obxectivo é a dedicación profesional ou a práctica deportiva por lecer e ter unha vida saudábel. Tamén hai variacións foxándonos se se trata dun deporte individual ou de equipo. A competitividade duns casos contrasta coa vontade de gozar desa aventura e partillar eses momentos de relax noutras situacións. Como moita veces se oculta, tamén nisto as mulleres somos diversas, facemos eleccións diferentes, posuímos gustos e afeccións distintas. Coñeceremos, neste sentido, as distintas formas de vivir o deporte de mulleres como a boxeadora Marta Brañas, as ximnastas Thais Pazos, Elena González e Alicia Sadia, Maite Redondo que practica parapente ou a nadadora e adestradora Ruth Ballesteros.

A verdade é que o documental sae nun momento especialmente conflitivo, despois de coñecermos casos de violencia relacionados con  practicas deportivas que non se consideran femininas. Continúan aínda hoxe en día vixentes eses preconceptos? Como se compaxina o recoñecemento a unha futbolista como Vero Boquete con que aínda haxa nenos e adultos que xulgan que unha muller non debe xogar ao fútbol? Pensas que asistimos a un retroceso neste ámbito?

Xustamente sobre todas estas cuestións é sobre que pretende motivar o do umental para debater e concienciar. É imposíbel querer e valorar o que non se coñece. Mulleres como Vero Boquete, Paula Mayobre ou Isabel Gundín son referentes aínda moi pouco divulgados. Nin os grandes medios de comunicación nin na prensa especializada nin nos programas televisivos existe unha presenza digna do deporte feminino, e con digna refírome a que cando menos recolla o que existe. Se o 90% dos espazos deportivos están monopolizados polo fútbol masculino, é imposíbel que as novas xeracións muden de valores. E é evidente que nos últimos anos se produciu, con certas políticas amparadas na crise, un retroceso que abrolla de maneira especial na etapa da adolescencia, coa recuperación de valores tradicionais e o reforzo de estereotipos que pensabamos que estaban superados. É verdade que vivimos nun mundo moi contraditorio, con realidades enfrontadas. O que quixemos facer desde esta nova etapa na Deputación da Coruña é enfrontar o problema, facelo visíbel, para posibilitar que persoas educadoras e que traballan con adolescentes provoquen a reflexión. Hai moitas nenas que precisan axuda para defenderen as súas escollas e poder ser libres. Onde non hai liberdade de elección, a discriminación está garantida.

No documental tamén participou profesorado da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña. Cal foi a súa achega?

Queriamos aproveitar, loxicamente, o bo traballo que leva anos facéndose desde o ámbito académico, tanto para ter datos sobre a discriminacion de xénero no mundo do deporte como para coñecer a experiencia práctica na formación de persoas formadoras. Lembremos a importante responsabilidade do profesorado de Educación Física no mundo educativo, un dos lugares en que o traballo en igualdade debe ser constante e transversal. María Xosé Mosquera, profesora de Socioloxía nesta Facultade, aceptou con moito gusto colaborar connosco. As súas achegas ofrecen a perspectiva didáctica que nós tamén queriamos buscar a través do documental.

E cal é o futuro de "Contra os elementos"? Onde se verá?

Despois da súa proxección o pasado 6 de outubro diante de público interesado e especializado no tema, o documental difundirase entre o público xeral a través dunha web específica (www.contraoselementos.gal) e, de maneira singular, entre todas as persoas interesadas no deporte e na igualdade: federacións deportivas, clubs, asociacións e escolas deportivas, centros de ensino, medios de comunicación. A nosa intención é achegar materiais que poidan utilizarse conxuntamente cun debate posterior, unha charla, que fomenten a reflexión e cheguen a todos os lugares. Porque a práctica deportiva é un dereito e porque sabemos que ten que haber pioneiras para converter nunha realidade o que xa debía existir no século XXI: a posibilidade de realizar calquera deporte sen ningún tipo de discriminación nin estigmatización social.

As protagonistas de "Contra os elementos"

Marta Brañas, campioa de España de Boxeo Profesional, tres veces campioa de España de Boxeo Olímpico, primeira española en facer carreira en América como boxeadora profesional.

Verónica Boquete, xogadora do París Saint Germain (Ligue 1, Francia), capitana da Selección Española de Fútbol Feminina.

Mónica Castelo, xogadora de rugby no CRAT, xogadora da Selección Española de Rugby e Campioa de España de Rugby co CRAT.

Paula Mayobre, atleta internacional coa Selección Española en seis ocasións Campioa de España dende categoría cadete a promesa en todas as disciplinas Campioa Galega dende categoría alevín en todas as disciplinas Subcampioa de España en Raid de Aventura na modalidade de aventura.

Sofía Toro, regatista de vela, Medalla de ouro no Campionato Mundial de Busan 2013 (Match Race), Medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Londres 2012 +(Match Race), Medalla de ouro no Campionato de Europa de Helsinki 2011 (Match Race).

Isabel Gundín, surfista, Gañadora do Campionato Galego Individual Pantín 2015 (OPEN e SUB18), Gañadora do Campionato de España por Autonomías 2015 (SUB18, coa Selección Galega), Gañadora do Campionato Luso-Galaico 2014 e 2013.

Thais Pazos, gañadora de 6 Campionatos Galegos de Ximnasia Artística 2000-2016 nivel 6 e 17º clasificada no Campionato de España de Ximnasia Artística 2016.

Alicia Sadia, gañadora do Campionato Galego de Ximnasia Artística 2016 nivel 7 e 2º clasificada en chan no Torneo Internacional de Sevilla 2011.

Maite Reimondo, alumna da Escola Deportiva Club Parapente Ferrol.

Mari Carmen Gómez, alumna do Club de Parapente La Térmica (Cerdedo), 20 anos voando en parapente.

Elena González, Adestradora do Club Ximnasia Universidade da Coruña e profesora de Educación Física.

Ruth Ballesteros, nadadora en augas abertas, adestradora de pentatlón moderno na Federación Galega e Mestra do Club de Esgrima 100Tolos (A Coruña).

María José Mosquera, Profesora de Socioloxía da Actividade Física e do Deporte no Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte na Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física (UNED) da Universidade da Coruña.