Entrevista coa activista Daniela Ferrández

"O feminismo ten que ser unha ferramenta que nos sirva para liberármonos a todas, sen restricións"

Daniela Ferrández
A quinta entrega das xornadas Noutrén: Feminismo Poscolonial, que organiza a agrupación cultural O Galo, centra esta cuarta feira a atención no 'feminismo transgresor’. A investigadora Daniela Ferrández, presidenta da asociación Amizando e unha das convidadas da sesión, fala con Sermos Galiza sobre as reivindicacións das mulleres trans, do traballo que fai a súa entidade para a súa visibilización ou dos debates que se dan dentro dos feminismos sobre o papel deste colectivo.

O debate dentro dalgúns colectivos feministas sobre a inclusión ou non das mulleres trans está enriba da mesa. Como o enfocan desde Amizando?

Para superar certos discursos de odio que se dan dentro dalgún sector do feminismo o primeiro é analizalos, ver de onde veñen. Nós, o que propoñemos é deixar fóra do debate as cuestións máis conceptuais respecto a que as mulleres trans non somos mulleres, porque entendemos que esta é unha idea que vén da carga ideolóxica que recibimos do franquismo e máis atrás. Unha vez que isto queda fóra, estamos abertas a todo tipo de debates que sexan construtivos, onde poidamos formular a nosa posición mais tamén escoitar o que nos din as compañeiras. Cómpre matizar que non entendo eses discursos dos que falabamos como un signo de identidade do feminismo en sentido amplo. Na Galiza, nós, desde Amizando, traballamos no feminismo, estamos nas rúas, nas asembleas, e nunca tivemos estes problemas. Penso que o feminismo non é un ente externo a nós como mulleres trans, polo que non estamos nun diálogo a afrontar por dúas partes que circulan en paralelo, senón un diálogo dentro dunha mesma base .

Cara a onde ten que enfocar o seu traballo o feminismo?

Cara á construción dun espazo que nos inclúa a todas, que sexa interseccional e que non deixe identidades ou persoas subalternas nas marxes, excluíndoas ou non incluíndoas nos seus propios discursos. O feminismo debe ser unha ferramenta que nos sirva a todas e que non estea restrinxida a unhas características que, segundo quen as estableza, poidan estar determinadas por unha bioloxía máis estrita, ou por temas culturais, ou por etnia, clase… Pretendemos construír unha ferramenta interseccional que nos axude a liberarnos neste mundo patriarcal.

E que papel xoga a visibilidade desas distintas identidades?

Hoxe en día, no mundo dos medios de comunicación masivos, das grandes redes socias e dos grandes debates, o que non se visibiliza non existe. A nosa visibilidade non só unha ferramenta para amosarlle ao mundo a diversidade que ten, senón que é unha ferramenta para combater as opresións: cando negamos a existencia de mulleres trans, ou negamos as nosas opresións, pechamos a porta a atopar solucións coas que podemos encarar esas opresións. Entón, o primeiro paso é detectar cales son as identidades, despois que opresións sofren e como superalas. E todo iso é imposíbel sen visibilizar a súa existencia.

“A visibilidade das mulleres trans non só serve para amosarlle ao mundo a diversidade que ten, é unha ferramenta para combater opresións”

Que funcións desenvolve Amizando? 

Temos, por unha banda, unha función visibilizadora. Imos onde nos chaman a explicar o que se quere saber, participamos en debates, en charlas… Tamén traballarmos para tratar de poñerlle nome ás nosas opresións, para darlles solucións válidas e que dialoguen directamente coa política, porque a política, e as Administracións galegas e estatal, teñen un fondo déficit en canto a dereitos trans. Por outro lado, temos un papel máis asistencial, de acompañar a persoas que foron excluídas polo sistema, ou ás que o estado non escoita, ou que teñen dificultades para desenvolverse en igualdade, unha función que cremos que non debería ser nosa, pero que facemos, para axudar, cos poucos recursos dos que dispoñemos.

Cales son as súas exixencias ás Administracións?

O que lles exiximos pódese resumir nunha palabra: igualdade. Queremos ser iguais ao resto de cidadás. O que ocorre é que hoxe en día temos un  problema que nos impide en todo momento das nosas vidas acceder a esa igualdade, que é a patoloxización. 

Como afecta esa patoloxización ás súas vidas?

A patoloxización significa que para que o estado e as Administracións dean o visto bo á túa condición de persoa trans, e para poder acceder aos recursos limitados cos que estas contan, tes que estar considerada como enferma mental. Isto pasa por un trámite de avaliacións psicolóxicas, cuestionamentos… Cando o noso proceso pasa por unha tutelaxe e por un cuestionamento dos nosos designios, esa tutelaxe esténdese a todas facetas da nosa vida e determina unha situación de subalternidade. Queremos rematar con esa situación de subalternidade e iso pasa por despatoloxizar, que é algo que se está a facer en todo o mundo, como en Portugal ou Arxentina.

"Galiza debería sumarse aos territorios que están traballando para despatoloxizar todos os ámbitos da vida, non só o sanitario. Estamos á cola"


Cal é a situación no estado español e na Galiza?

Varias comunidades seguen ese camiño, pero é a Administración central a que ten que da o paso principal, que é eliminar o requisito do informe de enfermidade mental. Ademais, algunhas comunidades están traballando para despatoloxizar outros ámbitos da vida, máis aló do sanitario, como o eido laboral, social etc.  Galiza debería sumarse a este traballo e non o fixo. Está á cola. Eu, que son de Alacant, creo que no País Valencià temos unha das lexislacións trans máis avanzadas do mundo e iso ten os seus efectos. Percibes a diferenza falando coas asociacións, que che contan que desde que os nosos dereitos están regulados e lexislados, o seu papel asistencial vaise reducindo por canto a Administración vaino asumindo, tal e como ten que ser.