Entregados os décimo oitavos premios Osíxeno

Virxinia Rodríguez, reelixida presidenta da asociación ecoloxista Adega

As premiadas, no remate do acto

A cadraxésimo terceira asemblea de Adega decidiu no día de hoxe reelixir Virxinia Rodríguez dous anos máis como presidenta da asociación ecoloxista nun acto que tivo lugar no Centro Social do Mar de Bueu e que rematou coa entrega dos XVIII Premios Osíxeno cos que a entidade recoñece as mellores iniciativas ambientais do ano anterior. 

Non houbo mudanzas tampouco na secretaría, que seguirá ostentando Froilán Pallín, nin na tesouraría, á fronte da cal seguirá Xoán Louzao. Si se renova, alén dun número importante de vogalías, os cargos de vicesecretaria, que pasa a desempeñar Verónica Torrijos, e vicepresidente, que recae en Roi Cuba. Cos cambios, a directiva de Adega experimenta unha importante renovación. A asemblea, que tiña carácter ordinario, tamén serviu para aprobar a xestión do último exercicio e para elevar catro propostas de resolución sobre o cambio climático, a nova lei de residuos que se está a tramitar no Parlamento galego, os lumes e a viraxe a respecto da prórroga de Ence avalada pola Avogacía do Estado.

A asemblea rematou xun xantar de confraternización e coa entrega dos premios Osíxeno, que, como xa anunciara estes días a entidade ecoloxista, recoñecen o labor de Paloma Fernández, voceira da Coordenadora Anti-Encoro do Umia, e das Brigadas Deseucaliptizadoras. Tamén houbo un Osíxeno de Honra para Adela Figueroa, bióloga e fundadora de Adega, pola súa traxectoria vital "en defensa do ambiente e do patrimonio do país".