O Virus do Papiloma Humano, responsábel de máis de 80% dos cancros de colo de útero

Na Galiza, como no resto do Estado, a vacina fronte ao VPH está financiada só para as rapazas.
O 26 de marzo conmemórase o Día Mundial da Prevención do Cancro de Cérvix, unha doenza que afecta ao colo do útero  e cuxa causa principal é o Virus do Papiloma Humano, a infección de transmisión sexual máis común en todo o mundo. A educación e unha vacina específica, financiada só para as nenas, no Estado español, están na base da prevención.

Máis de 2.000 mulleres son diagnosticadas de cancro de cérvix cada ano en España, unha doenza que ten lugar polo aumento exponencial de células cancerosas no colo do útero. En estadios iniciais, os síntomas son leves e mesmo poden pasar desapercibidos. Cando se manifestan, os máis comúns son as secrecións vaxinais, os sangrados entre períodos menstruais, os trastornos urinarios e fecais e a dor de pelve e abdominal.

"A marxe de poboación que máis diagnósticos acumulan é a formada por mulleres de entre 50 e 55 anos", explica en declaracións a este xornal a xinecóloga do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo Sabela Iglesias. O pico de incidencia deste cancro abeira a sexta década de vida e ten a súa orixe, na maior parte dos casos, nunha infección polo Virus do Papiloma Humano (VPH).

Trátase dunha infección de transmisión sexual. A máis común a  nivel mundial. Estímase que un 80% da poboación sexualmente activa estará en contacto con algún dos máis de 200 tipos de VPH identificados ao longo da súa vida. Xeralmente pasan desapercibidos e "non xeran complicacións".

O organismo é capaz de eliminar a infección sen deixar rastro. Mais nun 10-20% dos casos, a infección persiste e acaba provocando lesións e cancro. Algúns VPH de risco baixo poden producir verrugas na zona dos xenitais, o ano, a boca ou a gorxa. Os de risco alto están detrás de varios cancros, non só do de colo de útero. Máis dunha ducia de VPH están relacionados con cancros de cérvix, pene, ano, cabeza, gorxa ou vaxina. Os diagnósticos afectan tanto a mulleres como a homes, de feito, incide Sabela Iglesias, "un 25% da patoloxía oncolóxica relacionada co VPH afecta aos varóns".

Vacinación contra o VPH

Esta é a primeira razón que exhibe a Asociación Española de Pediatría nun decálogo de 2018 para recomendar a vacinación fronte ao VPH en adolescentes varóns.

Desde 2008, todos os territorios do Estado ofrecen a vacina contra o Virus do Papiloma Humano ás rapazas a partir de 12 anos, preferibelmente antes da primeira relación sexual. "Non todas se vacinan", advirte a especialista en xinecoloxía, se ben apunta unha "cobertura moi alta" no caso da Galiza. 

Este fármaco é un dos piares esenciais  do sistema de prevención da infección por VPH e do cancro de colo de útero, mais hai outro, anterior e prioritario, sinala a Nós Diario Lola Ferreiro Díaz, médica e feminista. "Non pode pasar desapercibido que estamos ante unha infección de transmisión sexual froito dunhas relación coitais ou bucoxenitais que ademais de VPH poden transmitir VIH ou fungos vaxinais entre outras infeccións se discorren sen protección". Ferreiro Díaz chama así a atención sobre "unha solución" que non se está a ter en conta malia levar décadas enriba da mesa: a  educación afectivo-sexual. "É imprescindíbel unha formación e unha coeducación afectivo-sexual seria e organizada", na que hai que seguir insistindo, di, para evitar que todo o peso da prevención recaia só nun fármaco "discutido en moitos países polos efectos secundarios que provoca e mesmo porque non parece que estea a resolver o problema".

Neste sentido, Sabela Iglesias apunta que é moi cedo para advertir o alcance real da vacina. "O que se advirte agora mesmo na poboación vacinada son menos indicios de lesións precursoras de cancro", mais aínda teñen que pasar varios anos para confirmar se esta evidencia se traduce, ademais, nunha mingua dos casos de cancro de cérvix, que se sitúan, de media, na década posterior á implantación da vacina, nos 13 por cada 100.000 mulleres.

Polo momento, todo o esforzo céntrase na prevención, a detección precoz e o tratamento tanto de lesións previas como dos tumores xa avanzados, con cirurxía, radioterapia e quimioterapia. 

"Equidade sexual"

O sistema de prevención é compartido pola maioría dos territorios. Unha prevención primaria que prioriza a vacina sobre a educación sexual e unha prevención secundaria na que se inclúen os programas de cribado de cérvix dirixido a mulleres de máis de 25 anos.

Polo que respecta á vacina, na Galiza, como no resto do Estado, con lixeiras variación, só está financiada no caso das nenas e determinados grupos de risco. Os adolescentes varóns para os que o colectivo de pediatras tamén reclama a vacina para mellorar a inmunidade de grupo, erradicar de forma global a infección por VPH e alcanzar unha "igualdade-equidade sexual" teñen que pagala do seu peto.

Ás farmacias galegas acoden cada vez máis familias para completar a pauta indicada, de dúas doses até os 14 anos (por 344 euros) e de tres doses a partir sos 15 (por 516 euros).

Transmisores do VPH e sen vacina gratuíta

Ademais de ser transmisores do VPH, os homes tamén desenvolven cancros relacionados con este virus de transmisión sexual. A diferenza do que ocorre noutros países do mundo en España a vacina só se lle ofrece ás nenas de forma gratuíta. "É só un exemplo máis", recalca Lola Ferreiro Díaz. "Cando analizamos a saúde das mulleres e a intervención sanitaria desde unha perspectiva de xénero decatámonos de que as eivas son moitas". Neste caso, di, "non só non se financiou a administración da vacina nos nenos senón que se premeu para vacinar as nenas". Unha diferenza de trato que tamén advirte na contracepción.