Virar o amor romántico para desterrar unha vivencia hexemónica dos afectos

'Les amants' (Bélxica, 1928), de René Magritte.
O 14 de febreiro é o 'día dos namorados' mais tamén da saúde sexual.

Ás portas do día de San Valentín, os negocios pintan de vermello os seus escaparates e penduran corazóns coa ilusión do amor máis romántico. Ceden á presión comercial e ao marketing do que parece a única forma de querer. Tamén as aplicacións de emparellamentos en liña se preparan para un aluvión de citas de última hora. Conquista "rápidas", "cómodas", que ás veces mesmo dan para "encontrar o amor verdadeiro". 

A profesora de secundaria e coordinadora da Rede Educativa de Apoio LGTBIQ+ Ana Ojea destaca en declaracións a Nós Diario a pegada que aínda teñen estes discursos. "A nivel cultural temos unha carga moi pesada e difícil de desconstruír. A nivel familiar, escolar, de medios e de rúa, a sociedade está programada para se relacionar baixo a idea do amor romántico, o amor malentendido", ríxido e dominante, que entronca, di, "co sistema cisheteropatriarcal no que vivimos".

Asegura que é preciso analizar e desmontar os mitos do amor romántico entre a poboación adolescente nos termos da teoría feminista "xa que por regra xeral, na escalada da violencia machista, os mitos do amor romántico están entre os seus alicerces, ao igual que a carencia case absoluta de educación emocional e sexual no sistema educativo regrado", que alenta "relacións tóxicas de poder e dominación, ademais da persistencia do binarismo de xénero".

Decosntruír o amor romántico

A educadora social Noelia Darriba, membro do grupo de traballo Fiadeiras do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais da Galiza, resta presión  ao colectivo adolescente para sumar maior responsabilidade á poboación adulta. Desde unha perspectiva de xénero defende a necesidade de facer "deconstrución do que se entende por amor" sen deixar que todo o peso recaia na mocidade. "O que dicimos e o que facemos as persoas maiores de idade importa". É chave para que se sigan transmitindo valores que encamiñan as crianzas "cara a unha idea de amor hexemónica" que coarta a liberdade individual e outro tipo de relacións afastadas da concepción clásica do namoramento, afirma.

Tamén a industria audiovisual contribúe a reflectir un tipo de amor único: "o amor de parella". Aí reside o romanticismo e a idea de felicidade, precisa Darriba. "É un amor que custa, que se vive como un logro social, como se dun status se tratase. De feito, pesa certa presión sobre esa idea e aprémase a necesidade de mocear e ter parella", case sempre  "coa heterosexualidade como norma".

"Se non se cuestiona, hai moitas posibilidades de que a rapazada asuma como propio todo aquilo que se espera dela e se estabelezan relacións de poder baixo o amparo dos estereotipos de xénero: rapazas máis pasivas que esperan a que outros dean o primeiro paso e as queiran e rapaces cun rol máis activo que buscan con quen gozar e practicar a súa sexualidade".

A maior preocupación, advirte a educadora social, é non ver ás claras cambios máis significativos no conxunto da sociedade con respecto á idea de amor coa que medraron as xeracións anteriores. "Faltan referentes e falta, sobre todo, educar, falar e visibilizar os afectos e os coidados que son parte do amor e que nos afectan a todos os seres humanos", engade Ana Ojea. Cómpren outros modelos que aposten por tipo distintos de amor, concordan. 

Modelos que comezan a emerxer entre a poboación adolescente. "Grazas ás redes sociais empezan a xurdir voces críticas co amor romántico e a percibirse certa apertura. Coñecen o poliamor e é algo que cada vez máis se fala nas aulas. Mais coñéceno desde a teoría, como un modelo utópico, como un acto de libertinaxe", precisa Noelia Darriba. "A práctica é máis difícil: como xestionar a comunicación, os límites, os ciumes sen cargar con toda a mochila dos mitos". Hai cambios, mantén, pero son só teóricos. "Queda moita preparación para vivir ese poliamor máis aló da teoría. Aí está o reto. E tamén en baixalo ao corpo e vivilo", conclúe.

Amor, educación sexual, emocional e afectiva

"Aínda atopamos centros de ensino nos que se poden ver caixas de correo para que o alumnado deixe cartas de amor. Non pode ser, denuncia Ana Ojea, quen defende plans de igualdade e propostas que tamén teñen cabida en colexios e institutos, dirixidas a derrubar os mitos do amor romántico: os celos, a exclusividade, o matrimonio, a media laranxa... "O amor, as relacións sexuais e a educación afectiva van da man", e hai unha carencia enorme, di. "Sen educación sexual xeramos un espazo máis vulnerábel aos mitos. Por iso é tan urxente formar e educar a docentes e alumnado tamén no plano emocional".