Análise

Violencias misóxinas. Lesivas, perigosas e case invisíbeis

A maioría das violencias simbólicas tamén son misóxinas. (Ilustración: Álex Rozados)

A doutora en Medicina e activista feminista Lola Ferreiro Díaz prosegue o ciclo de análises de 'Nós Diario'.

O machismo é a exaltación da supremacía do macho e leva aparellado un conxunto de violencias que teñen por obxecto manter a dita supremacía. En xeral, as violencias machistas directas implican en moitas ocasións o emprego da forza física, das armas, das ameazas, dos berros e, en xeral, de todos os trazos que caracterizan a figura do macho; tamén da apropiación dos nosos espazos, incluído o de seguridade. A propia violencia sexual machista implica a agresión reducindo pola forza, demostrando así quen manda e quen é o propietario do corpo da outra persoa. As violencias estruturais en clave machista implican tamén unha chea de expresións groseiras, moi lesivas (tamén máis visíbeis), como son as masacres e as violacións masivas das mulleres nos conflitos armados, a trata con fins de explotación sexual ou os asasinatos cometidos por mafias organizadas. Pola súa vez, tamén as violencias simbólicas poden ser machistas, cando o aparato que se articula a través do cinema, da literatura, da publicidade, etc., ten por obxecto a exaltación do macho, do seu poder, da súa forza (física) e da súa capacidade para asoballar.

Porén, hai un monto enorme de violencias que non corresponden co perfil anterior, pero que son moito máis frecuentes que aquelas e tamén moi lesivas, cun perigo engadido: son moito menos visíbeis e, desde logo, as máis das veces, non figuran como violencias no imaxinario social. Houbo intentos de diferencialas das violencias machistas, como o uso do termo "micromachismos", no que entraba unha mestura de formas de violencia directa non demasiado organizadas. Semellaba que eran violencias pequenas, menos importantes e, desde logo, menos graves. A organización feminista Fiadeiras puxo os puntos sobre os ies promovendo un libro colectivo cuxo título xa o di todo: Machismos. De micro nada (Ed. Embora, 2015), desmontando ao longo da obra o uso do termo para denominar un aparato de violencias cotiás que sufrimos as mulleres. A estas, chamarémoslles violencias misóxinas; non implican necesariamente a supremacía do macho, senón máis ben o menosprezo (ou directamente o desprezo) e a aversión cara as mulleres. Podemos distinguilas nas tres dimensións das violencias de xénero: directa, estrutural e simbólica.

As violencias misóxinas constitúen as máis das expresións das violencias estruturais e institucionais

Violencias estruturais

As violencias misóxinas directas exclúen o emprego da forza, para colocarse na órbita da condescendencia, do paternalismo, do menosprezo (máis ou menos sutil) pola actividade, a opinión e os sentimentos das mulleres; exclúen as ordes directas, pero explícannos "amabelmente" o que temos que facer, e cando, como e onde temos que facelo; substitúen as ameazas manifestas pola chantaxe emocional; exclúen os berros e os insultos malsoantes para usar os silencios forzados e as miradas de desplante. A violencia sexual misóxina exclúe a redución pola forza, para colocarse na invocación de presuntos dereitos dos homes a ter relacións cando queren e mesmo na chantaxe emocional.

As violencias misóxinas constitúen as máis das expresións das violencias estruturais e institucionais. Exclúen a masacre e o asasinato para situarse na falta de atención ás necesidades máis básicas das mulleres, desde a feminización da pobreza, o maltrato á saúde, a (in)xustiza patriarcal e un longo etcétera.

Dicía Marcela Lagarde que un feminicidio (termo acuñado por ela) era a morte dunha muller por causas evitábeis, denunciando así que tanto feminicidio eran os asasinatos de mulleres en Chihuahua, como as mortes por cancros xenitais derivados da contaminación nos estados do norte (Chihuahua incluída), que eran o vertedoiro de residuos tóxicos de USA, ou as mortes masivas durante o embarazo, parto e puerperio das mulleres de Chiapas por falta de atención sanitaria. Os primeiros son machistas, o resto son misóxinos.

As máis das violencias simbólicas tamén son misóxinas. En realidade, todas aquelas que ofrecen unha imaxe das mulleres e das nenas onde se normaliza (e se valora) a abnegación e a submisión.

Non resulta doado ver nun mesmo aquilo que pretendemos combater e das que se supón que está un liberado, pero é imprescindíbel

Para que diferenciar?

Por un lado, para visibilizar unha chea de violencias, moi lesivo para as mulleres e que provoca grandes doses de malestar. Non chamarlle violencias implica non vincular os malestares coas causas que os provocan e, en consecuencia, non sermos quen de resolvelos.

En segundo porque nos vale (tamén) para definir no fundamental esas novas masculinidades das que tanto se fala duns anos a esta parte, xa que as novas masculinidades, para selo realmente, non só deben excluír o machismo, senón a misoxinia. Para isto haberá que identificala primeiro, tanto no simbólico coma no estrutural e nomeadamente nas actitudes de cada quen. Non resulta doado ver nun mesmo aquilo que pretendemos combater e das que se supón que está un liberado, pero é imprescindíbel. Do contrario, non hai novas masculinidades.