As violencias cotiás focan as mensaxes do 25-N

[Concello de Pontevedra]

CIG, o Concello de Pontevedra ou o BNG centran as súas campañas nas violencias invisibilizadas que supoñen o primeiro chanzo da violencia machista.

 

Comunmente coñécense como micromachismos mais a teoría avanza cara á un concepto máis axustado á realidade e comeza a se facer cada vez máis habitual o uso do termo violencias invisibilizadas. Un termo que referencia aquelas "actitudes", "comportamentos" e "ideas discriminatorias" que "fan parte da cultura da violencia contra as mulleres". Así o definíu a secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, con motivo da presentación da campaña polo 25-N que deseñou a central sindical nacionalista. 

Xunto á CIG, outras organizacións políticas, sociais e mesmo institucións, quixeron focar a atención, e as súas mensaxes, "na orixe" dos comportamentos agresivos e, polo tanto, da violencia exercida contra as mulleres. "Para erradicar a violencia machista é preciso detectar o machismo, crear conciencia e mudar condutas", sentencia Corral. 
 

"A violencia non só implica golpes"

"Puta", "porca" ou "burra", son algúns dos insultos que se poden ler desde hai uns días nos MUPIs da cidade de Pontevedra. O goberno local, através da concellaría de Benestar Social e o Centro de Información á Muller (CIM), puxeron en andamento unha campaña focada "no preámbulo dos asasinatos". O goberno local parte da premisa de que a violencia machista nunca comeza por unha paliza senón que, "a violencia verbal e psicolóxica que sufrimos todas as mulleres no ámbito privado e público" constitúen parte do denominado 'ciclo da violencia' e o primeiro chanzo de formas máis visíbeis, como unha labazada. 

Margarida Corral (CIG): "Para erradicar a violencia machista é preciso detectar o machismo, crear conciencia e mudar condutas"

Tanto a CIG como o Concello de Pontevedra instan este 25 de Novembro a que mulleres e homes, fagan unha auto-avaliación, identificando actitudes habituais que agochan un claro ou sutil machismo, "formas non evidentes de reproducir roles sexistas", tendo presente que o machismo non é só a agresión física. "A violencia non só implica golpes, tamén inclúe as ameazas, a arrogancia, as descualificacións, a discriminación, o abuso verbal, o abuso emocional, o acoso...", subliña desde a central sindical, Margarida Corral. 

Na mesma liña, desde o Bloque Nacionalista Galego levan por volta de 15 días traballando na súa campaña. 'Rompendo encadeados' foi o lema elixido pola organización frontista co que visan simbolizar "o control, a dependencia e a submisión" como formas de violencia. "Hai patróns de conduta" que "están naturalizados" mais que supoñen tamén unha forma de violencia contra as mulleres. "Non só é a referida aos golpes", apuntan desde o Bloque. 

"O control e a falta de liberdade" nas relacións de parella, a idealización do "amor romántico" ou "actitudes que nos sitúan como suxeitos sen autonomía, nos anulan e cuestionan", son para a responsábel de Acción Feminista do BNG, Saleta Chao, exemplos desoutras formas de violencia non sempre visíbeis mais que están "naturalizadas" na vida cotiá. 
 


Aumento das denuncias fronte aos recortes nos Orzamentos

"Estamos fartas de que se poña o acento nas vítimas, hai que ir á orixe dos comportamentos machistas", reclaman desde a CIG-Mulleres. Así as cousas, desde o sindicato, queren aproveitar a data para "visibilizar publicamente" os "feminicidios" cometidos no que vai de ano e que deixan na Galiza 7 mulleres asasinadas nos primeiros 6 meses do ano. Neste contexto, desde a CIG lembran que as cifras rexistradas a respeito da violencia machista no primeiro semestre contrasta coa redución orzamentaria que a Xunta destina para a súa prevención. 

MMMGaliza: "As mortes por violencia machista, por moi inexplicables que parezan, non son actos illados, fortuítos, senón que obedecen a unha cultura patriarcal"

"No primeiro semestre había 2.569 denuncias presentadas por esta causa. Estaban ademais en vigor 5.277 ordes de protección e os xulgados comunicaron 402 medidas de protección e afastamento. A rede de centros de acollida tivo, no primeiro trimestre, unha ocupación media do 62,41%, prestando servizo a 140 persoas, 77 mulleres e 63 menores, e recibiron atención psicolóxica por violencia machista 226 persoas. Malia isto reducíronse os orzamentos, sobre todo os destinados a igualdade, protección e promoción da muller que pasaron de 32 millóns € en 2009, a tan só 5,8 millóns en 2014", alertou Margarida Corral. 
 

Implicación e rexeitamento social

Neste senso, desde a Marcha Mundial das Mulleres animan a sociedade a se implicar na loitra contra a violencia de xénero para o que chaman a rachar coa "indiferenza". "As mortes por violencia machista, por moi inexplicables que parezan, non son actos illados, fortuítos, senón que obedecen a unha cultura patriarcal no que as mulleres non teñen dereito a decidir sobre a súa vida. Son a reacción violenta de quen se cree posuidor dun ben, dunha propiedade, ou dunha escrava", sinalan nun comunicado de imprensa. 

Así pois, afirman que "a solución non é doada e necesita do compromiso de todas e de todos, porque precisa de cambios profundos dado que o machismo está inzado na nosa sociedade e non estamos facendo o preciso para desbotalo". Ora ben, desde a organización feminista coidan que para "avanzar como sociedade" é preciso un "contundente rexeitamento social" e "non permitir retrocesos en materia de prevención, denuncia e tratamento da violencia contra as mulleres".