A violencia machista, materia pendente até na Universidade

O estudo, presentado polo reitor vigués, advirte a "confusión" sobre a violencia de xénero.
Un estudo realizado pola Universidade de Vigo na súa comunidade alerta do alto grao de descoñecemento do concepto de violencia de xénero e das súas características. Segundo conclúe, unha de cada  tres persoas –maioritariamente varóns– incluíu nas súas respostas "elementos negacionistas".

Coa imaxe das mobilizacións multitudinarias do 8-M aínda presentes, a Universidade de Vigo presentaba onte o seu estudo de valoración, percepción e impacto das políticas de igualdade entre mulleres e homes na institución académica, cuxas conclusións son, nalgún caso, "preocupantes". Así cualifica o informe o grao de descoñecemento do concepto de violencia de xénero que se extrae da investigación, realizada a través de 375 entrevistas presenciais en 11 das escolas ou facultades dos tres campus da Universidade viguesa.

Como indica, en facultades como Enxeñaría Industrial ou Telecomunicacións chegan a 73,5% as persoas que, cuestionadas ao respecto, consideran que esta violencia se exerce "indistintamente" de homes a mulleres ou no sentido inverso. 

O estudo alerta de que unha de cada tres participantes no inquérito achegou "elementos negacionistas" da violencia machista ou relacionouna cun comportamento desvinculado do xénero, "asumindo indirectamente o negacionismo dalgúns discursos políticos e sociais". 70% desas definicións, incide, foron dadas por homes. 

Segundo recolle, na comunidade universitaria predomina a "confusión" sobre o concepto, se ben existe un "positivo rexeitamento dos falsos tópicos" en relación coa dependencia económica das vítimas ou do baixo nivel formativo. Facultades como a de Ciencias Xurídicas e Empresariais, Dereito, Económicas e Educación achegan definicións desta violencia máis acordes coa lexislación, a ONU e o Convenio de Istambul. 

Na parte positiva, o informe, presentado polo reitor de Vigo, Manuel Reigosa, a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, e a consultora Laura Seara, conclúe que unha alta porcentaxe do alumnado (73%) quere mellorar o seu coñecemento en igualdade, e que 67% do profesorado ten interese en recibir horas de formación.