Violencia machista: detido no Porriño por agredir a muller con arma branca

[Imaxe: Galipedia] Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo

A vítima permanece ingresada no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Un home foi detido esta cuarta feira por, supostamente, agredir cunha arma branca a súa muller, que tivo que ser hospitalizada por mor das lesións, no barrio da Pontenova, no Porriño.

Como consecuencia, a vítima permanece ingresada no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, a onde tamén se trasladou a un familiar menor de idade que se atopaba con ela no momento do suceso.

Mentres, a Garda Civil confirmou a Europa Press que se comezaron a instruír dilixencias por supostos delitos de tentativa de homicidio e lesións.

En concreto, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galiza foi alertado sobre as 2,00 horas desta madrugada polo servizo de Urxencias do 061 de que unha muller e un menor necesitaban asistencia médica no Porriño.

Por este motivo, o servizo de emerxencias trasladou o ocorrido á Policía Autonómica, a Garda Civil e a Policía Local da localidade.