Organizacións políticas e sociais denuncian que a sentenza importa para Galiza "a antidemocrática" Lei de Partidos

Foto: Éire Cid

Vinte e dúas entidades presentaron en comparecencia de imprensa un comunicado colectivo para se solidarizaren c@s independentintas acusad@s de terrorismo e denunciaren a sentenza como "instrumento represivo" contra organizacións políticas e sociais.

 

Un total de 22 organizacións políticas e colectivos sociais apresentaron esta sexta feira en Compostela un comunicado conxunto "contra a brutalidade represiva do Estado" e "pola soberanía nacional da Galiza". As asinantes consideran que a sentenza constitúe "un salto cualitativo" e abre a porta para "criminalizar e penalizar organizacións sociais e políticas nacionalistas". Neste senso, afirman que o fallo supón a importación para Galiza "da anti-democrática" Lei de Partidos.

Aliás, entenden que a sentenza "contradí as explicacións dadas polas persoas condenadas durante o xuízo e é contraria ao sentir absolutamente maioritario da sociedade galega", afirman.

Consideran que a sentenza constitúe "un salto cualitativo" e abre a porta para "criminalizar e penalizar organizacións  sociais e políticas nacionalistas"

Criminalización das organizacións políticas e sociais nacionalistas
Após a sentenza coñecida onte (12 setembro) que considera probada a existencia dunha "organización terrorista" na Galiza e condena a 4 independentista a penas que suman 56 anos de prisión, 22 organizacións sociais e políticas do país emitiron un comunicado público colectivo no que amosan o seu rexeitamento ao fallo emitido pola Audiencia Nacional española. Neste senso, tildan de "brutalidade represiva desde o punto de vista democrático" a sentenza e de "barbaridade" a "contundencia penal" decorrente dun xuízo que, din, "carece das mínimas garantías democráticas".

Para as organizacións políticas, asociacións ecoloxistas, feministas, xuvenís, culturais e sindicais asinantes o fallo emitido polo tribunal español convértese, sinalan, "nun instrumento represivo de primeira orde" ao "levantar a veda", recolle o comunicado, "para criminalizar e penalizar organizacións sociais e políticas" que  reivindican "lexitimamente a soberanía nacional" e a "solidariedade coas persoas presas".

Aliás, xulgan que "a creación xurídica" dunha "suposta organización terrorista a operar na Galiza" serve de coartada para un Estado "obsesionado coa integridade territorial". 

A sentenza, din, reflicte "a brutalidade represiva" dun Estado "obsesionado coa integridade territorial"

As organizacións e colectivos asinantes son: Anova-Irmandade Nacionalista, Adiante, AMAL, AMI, Bloque Nacionalista Galego, Briga, Causa Galiza, A Casa do Vento centro social, Ceivar, CNT-Compostela, Comités, FPG, Galiza Nova, Esquerda Unida, Liga Estudantil, Isca, MGS, Mugre, PCPG, Nós-UP, Plataforma Que voltem para a casa e o Silveira. CIG e CUT anunciaron a súa adhesión ao documento.

Foto: Éire Cid