Unha vintena de buques en tránsito refúxiase en rías galegas polo temporal

Imaxe de arquivo (Foto: Vadebarcos)

A borrasca 'Bela', que deixou nas últimas horas refachos de vento de forza 7 e 8 no mar, e ondas de máis de 8 metros, obrigou unha vintena de buques mercantes e cargueiros a buscar refuxio nas rías galegas.

Así, ao abrigo das illas Cíes, na ría de Vigo, atópanse fondeados case unha decena de buques que se atopaban en tránsito, con destino a portos do norte de Europa. Entre eles hai varios cargueiros, un portacontedores e dous barcos de transporte de produtos químicos e combustíbel.

Tamén na ría de Pontevedra, ao leste do arquipélago de Ons, buscaron refuxio catro cargueiros con bandeiras de diferentes países; e, ao leste de Fisterra, tamén fondearon cinco buques cargueiros para abrigarse do temporal.

Por outra banda, no ría de Ares buscou refuxio outro barco, mentres que varios buques máis, que tiñan como destino os portos da Coruña e Ferrol, están tamén fondeados ao abrigo desta ría á espera de poder atracar nas terminais onde dirixíanse.

As costas galegas atópanse baixo aviso vermello, na Mariña, a costa da Coruña norte e a Costa da Morte, por ventos de forza 7 a 8, e ondas de entre 8 e 10 metros. Tamén hai aviso laranxa nas Rías Baixas, por ventos de forza 7 e ondas de 5 metros.