O sábado 13 e o domingo 14

O viño de Amandi e a música danse cita en Sober

Ademais de actuar, María do Ceo será a pregoeira da edición.

O municipio de Sober acollerá, este fin de semana, a XXXIX Edición da Feira do Viño de Amandi. As persoas que se acheguen até a vila desfrutarán de dúas xornadas de boa música e bo beber.

As persoas amantes do bo viño están citadas esta fin de semana no Concello de Sober. Como acontece sempre, a chegada da Semana Santa trae consigo a Feira do Viño de Amandi que este ano chega á súa XXXIX edición. A vila vestirase de gala para recibir uns asistentes que non só verán deleitados os seus padais, senón tamén os seus oídos. A música será máis que recorrente e converxerá co sabor das colleitas para amenizar a festividade.

 

As bombas de palenque serán as encargadas de anunciar o comezo da festa, este sábado, ás 11.30 da mañá. A xornada iniciarase oficialmente ás 12 horas a cargo da Adega Don Bernardino, en lembranza ao seu fundador, o homónimo Bernardino Rodriguez. Case ao mesmo tempo comezarán as actuacións musicais. A encargada de oficiar a apertura neste terreo será unha agrupación de música tradicional por coñecer que actuará ás 12.15 do mediodía. A formación repetirá ás 17 da tarde para poñer ritmo e compás ao comezo da Precata Oficial na Sala de Catas da Oficina Municipal de Turismo.

 

 Ás 18.30 horas, a Banda de Música Municipal tomará o relevo e deleitará as persoas asistentes cun concerto que será a antesala da actuación de María do Ceo. A fadista, pregoira da edición, fará gala dos seus dotes vocais no Auditorio do Centro Sociocultural, ás 20 horas. A festa non rematará aquí, pero si cambiará de emprazamento. Ás 21.30 da noite, desde a Praza do Concello, os asistentes poderán despedirse do sol e adentrarse na noite bailando ao son da Charanga Louband, Sr Jingles e Gin Tonic’s.

 

Ao igual que no día anterior, o ronsel das 24 bombas (unha por cada colleiteiro participante) será o encargado de proclamar o inicio da xornada dominical, un anuncio que será secundado pola actuación, ás 10.45 horas, da Charanga NBA. O Concello non dará descanso aos máis preguiceiros e a Banda de Música Municipal percorrerá ás rúas ás 11 da mañá. Media hora máis tarde dará comezo a Cata Oficial de viños no Centro Sociocultural.

 

O pregón terá lugar na Casa do Concello ás 13 do mediodía a cargo de María do Ceo. De seguido anunciaranse os premiados da cata. As adegas participantes poderán optar a tres premios para viños tintos da anada de 2018, un premio para viños brancos da anada de 2018 e un premio para viños envellecidos en barrica. A festa finalizará ao igual que comezará, ao son da música. As actuacións de Charanga NBA, ás 17 da tarde, e da orquestra Los Satélites, ás 19.30 horas, porán feche a unha feira que repetirá o ano que vén.

 

As orixes da feira

A deste ano será a XXXIX edición dunha festa que comezou sen querer grazas á iniciativa dos habitantes de Sober. Corría o inicio dos anos 80 cando a veciñanza tivo a idea revitalizar a antiga feira do gando, que se tiña celebrado na vila durante o Domingo de Ramos en épocas anteriores. Porén, coñecedores do declive e a decadencia que a agricultura e a gandaría sufrían naquel momento, ocorréuselles utilizar o viño colleitado na zona como reclamo turístico. En aras do éxito recolleitado, ao ano seguinte decidiuse celebrar unha feira centrada tan só no viño. Un viño que desde o 1996 conta denominación de orixe.