Os vínculos entre o vertedoiro de Lesta (Ordes) e o PSOE de Cerceda

[Imaxe: Ana Miranda] Cartaz contrario ao vertedoiro de Lesta

Na documentación administrativa sobre o vertedoiro que Reciclaje Ambiental Lesta S.L. pretende construír nunha parroquia de Ordes figura o nome de Generoso Fraga Rivas como representante da empresa. Foi o concelleiro de Obras e Servizos de Cerceda, cargo que abandonou por motivos persoais en 2011. Outra empresa da súa propiedade prestou servizos a dez concellos da comarca.

Tal e como adiantara Sermos Galiza, a Consellaría de Medio Ambiente reabriu o prazo de información pública relativo á solicitude de autorización ambiental integrada das instalacións do vertedoiro que a empresa Reciclaje Ambiental Lesta S.L. pretende construír en Ordes. A Xunta de Galiza trata, así, de emendar o erro que a levou a fechar un día antes do legalmente estabelecido o prazo de exposición pública e de presentación de alegacións ao proxecto após a forte contestación social da veciñanza de Ordes.

A documentación administrativa que obra no expediente recolle o nome de Generoso Rivas Fraga como representante da empresa Reciclaje Ambiental Lesta S.L., con sede no lugar de Portobrea, en Cerceda, e constituída en 2010 . Trátase dun coñecido construtor da comarca que ocupou o terceiro posto da candidatura do PSOE ás eleccións municipais de 2011 e que chegou a ser nomeado concelleiro de Obras e Servizos do Concello de Cerceda.

O empresario dimitiu do seu posto como edil de Obras e Servizos en setembro de 2011, apenas dous días após de adxudicárselle unha dedicación parcial de 16.000 euros brutos anuais. O entón concelleiro xustificou a súa decisión aludindo a “motivos persoais”. En declaracións recollidas por La Voz de Galicia, apuntara entón: “Son empresario, pero as rendas do meu negocio lévanas os meus fillos, eu estou un pouco apartado de todo e só entrei na política para axudar o meu amigo, o alcalde, [José García Liñares] nada máis”.

Segundo o Boletín Oficial do Rexistro Mercantil, o ex concelleiro de Obras e Servizos de Cerceda é administrador único da empresa Servicios, Obras y Limpeza S.A., que nos últimos anos prestou os seus servizos a unha decena de concellos da comarca de Ordes. O obxecto social desta empresa é a prestación de servizos de xardinaría e mantemento de zonas verdes e a recollida de residuos non perigosos.

Pleno extraordinario

Diante dos últimos acontecementos a respeito da instalación do vertedoiro en Lesta, o Concello de Ordes convocou para esta cuarta feira un Pleno municipal extraordinario no que se tratarán as reivindicacións da veciñanza. Fora o Grupo Municipal do BNG quen se dirixira ao Goberno municipal (PP) para a convocatoria dunha sesión plenaria na que se puxesen as primeiras bases para evitar un novo vertedoiro en Ordes.

A instalación situaríase a escasos metros do vertedoiro da Areosa, de Sogama, que é de maior dimensión de Galiza, e mais á planta de Gesuga, onde se incineran restos cárnicos, aínda que estes dous equipamentos xa pertencen ao Concello de Cerceda.

O BNG leva o vertedoiro de Lesta á Eurocámara

A raíz dunha recente visita da portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, á parroquia de Lesta, a formación nacionalista vén de presentar no Parlamento europeo dúas iniciativas, unha sobre o modelo obsoleto de residuos de Sogama e mais a denuncia sobre o vertedoiro de Lesta.