Vilas e cidades do país mobilízanse polo dereito a decidir e pola República galega

Nalgunhas como Lugo ou Compostela desenvolvéronse representacións da coroación do rei porco ou Cuco I, rei dos burros.

 

Esta quinta feira Galiza estaba chamada a se mobilizar con motivo da coroación de Felipe VI. O rexeitamento popular á sucesión monárquica ou a simple indiferenza foi palpábel ao longo da mañá na capital do Estado español, onde poucas persoas se achegaron até a praza de Oriente para recibir o novo rei. Mais na Galiza o fastío cara á monarquía como institución fíxose notar nas concentracións e manifestacións que decorreron ao longo do serán. 

A máis concorrida foi a da Coruña. Nunha convocatoria promovida desde a Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) e secundada por BNG, EU, Anova, Equo, Espazo Ecosocialista, CxG, Fronte Cívica, PCG, Corrente Vermella, Nós-UP, Galiza Nova, XCG, Nuevos Republicanos, Ateneo Republicano, A.C. O Facho, CIG, COG, Comités, C.S. Gomes Gaioso, 15-M de Monte Alto, 15-M da Ría, A.C. Alexandre Bóveda, miles de persoas clamaron polo dereito a decidir e a República. 

"A soberanía reside no pobo, non somos súbdit@s"

No manifesto, ao que deu leitura o escritor Manuel Rivas, @s convocantes denunciaron "o atraso, o escurantismo" e a "imposición" reclamándose "seres ceibes" e non súbdit@s. A multitude fixo súa polas rúas da cidade herculina a proclama das Irmandades que reza cun contundente Deus fratesque Gallaeciae: Ninguén por riba de nós. Coma daquela, afirma o texto lido por Rivas, reivindicaron que "a soberanía reside no pobo", ese que ten "dereito a decidir" fronte a "hipocrisía estupefaciente" do discurso dominante que se impuxo nos pasados días. 

"A monarquía é incompatíbel cun sistema democrático", afirmaron con contundencia desde A Coruña ao tempo que exixiron "unha ruptura democrática" na que "decidir sobre o noso futuro". 

Coroan a Cuco I rei dos burros e até o rei dos porcos

Mais as mobilizacións non ficaron aí. Burela, Vigo, Ferrol, Ourense, Noia, Pontevedra, Vilagarcía... Até 13 vilas e cidades se manifestaron en rexeitamento á sucesión borbónica. Nalgunhas, como Lugo ou Compostela, @s manifestantes mesmo tiraron da retranca para representar a coroación do rei porco ou Cuco I, rei dos burros.

Con sorna e alegría combativa @s manifestantes rexeitaron a participación popular nun "circo" como o vivido esta quinta feira nas Cortes españolas e proclamaron, na capital da Galiza, a "República galega" por parte dun "pobo galego ceibe" que rexeita unha institución, dixeron, "feudal", "anacrónica" e "anti-democrática".