Vilaboa rexistra cinco pequenos terremotos en catro horas

Os tremores foron demasiado febles para ser percibidos pola veciñanza.

O concello de Vilaboa, na comarca do Morrazo, rexistrou cinco pequenos terremotos entre as 7:22 horas e as 11:02 horas da mañá desta cuarta feira, segundo a información do Instituto Xeográfico Nacional.

Con todo, os tremores foron demasiado febles para ser percibidos pola veciñanza, xa que oscilaron entre o 1.8 e o 2.7 de magnitude na escala Richter.

O máis intenso -2,7- foi ás 7:22 horas e a unha profundidade de 21 quilómetros; mentres que o segundo deles tivo lugar un minuto despois, ás 7:23 horas e tivo unha magnitude de 2,6.

Pola súa banda, ás 7:28 horas rexistrouse un terceiro, a 15 quilómetros de profundidade e cunha magnitude de 1,8.

Xa ás 8:05 horas produciuse o cuarto destes tremores, a 24 quilómetros de profundidade e cunha magnitude de 1,9.

O último detectouse ás 11:02 horas, a unha profundidade de 26 quilómetros e 2,1 na escala de Richter.