A piques de obter a IXP

Vilaboa convértese en epicentro do viño

[Imaxe: Galipedia] Viñas de albariño

Máis un ano, e xa van seis, o Concello de Vilaboa converterase en punto de referencia para as persoas amantes do viño, coa celebración esta fin de semana da VI Mostra do Viño. Este ano a cita cobra unha relevancia especial, posto que os caldos do Morrazo están a piques de conseguir a Indicación Xeográfica Protexida.

Vilaboa acolle esta fin de semana a VI Mostra do Viño, unha cita cultural e gastronómica que naceu para dar a coñecer a calidade do viño que se elabora no municipio. Ornela Fernández Salgado, concelleira de Emprego, Mar, Turismo e Infraestruturas, sitúa o xerme do evento no ano 2000, “cando estaba na alcaldía o BNG apostamos por que a veciñanza e viticultores fixesen unha reestruturación das viñas, co fin de que quitasen a cepas foráneas e plantasen cepas autóctonas”.

“Cando o Bloque volveu ser responsábel da área, empezamos coa reivindicación de entrar a formar parte da Denominación de Orixe Rías Baixas e decidimos pór en marcha unha mostra do viño que apoiara esa demanda lexítima da veciñanza e viticultores e que dese a coñecer os nosos caldos e viñedos”, explica a edila nacionalista en declaracións a Sermos Galiza. Os viños de Vilaboa non lograron entrar na DO Rías Baixas, unha petición que tamén fixeran o resto de concellos do Morrazo, así como Redondela, Pontevedra e Poio. Porén, a festa resultou un éxito e repetiuse, con grande afluencia de participación, nos seguintes anos.

Ornela Fernández: "A Xunta deu o seu visto e prace á IXP e só resta a aprobación definitiva por parte de Europa”

Indicación Xeográfica Protexida

Ornela Fernández revela que a mostra deste ano ten unha relevancia especial, pois os viños de Vilaboa, Cangas, Moaña, Marín, Bueu, Poio, Pontevedra e Redondela están a un paso de obter a Indicación Xeográfica Protexida, grazas á iniciativa das persoas colleiteiras e viticultoras, e da Federación de Viticultores e Furancheiros de Pontevedra. “Apostamos en crear unha IXP e atopámonos no último paso: a Xunta deu o seu visto e prace e só resta a aprobación definitiva por parte de Europa”, salienta.

Aliás, posibelmente sexa unha realidade na etiquetaxe dos viños procedentes da vendima deste 2017, “a Xunta, para poder etiquetar a próxima colleita coa IXP, aprobou unha prerrogativa”. “Está será a primeira edición dentro da IXO e por iso imos dar un salto de calidade. Convidamos amais de os nosos 13 colleiteiros, que participan coa adega que hai no concello, outras adegas da zona”, afirma Ornela Fernández.

Un programa para toda a familia

Como novidade, a VI Mostra do Viño de Vilaboa pasa a xornada vespertina da sexta feira á tarde do domingo, cumprindo, así, unha demanda da veciñanza. Deste xeito, o domingo estarán abertas as casetas sen descanso, de 11h a 22h. O lugar, o adro da festa de Santa Cristina de Cobres.

O sábado abriranse as casetas de 11h a 14h, coa animación da Banda de Música de Vilaboa, e volverán abrir entre as 19h e as 23h. Aliás, terá lugar un concurso de cata entre os viños participantes e ás 19h será a quenda das crianzas, que gozarán dun espectáculo familiar de monicreques a cargo da compañía Pequeñoles. Media hora após, será a cata pública profesional no adro de festas e animará esta xornada de tarde o grupo de música tradicional Os Afoutes do Canón de Pau. Ás 23h actuará a cantautora local Sheila Patricia.

O domingo, coas casetas abertas entre as 11h e as 22h, é o día grande. Ás 12.30h o escritor Xavier Rodríguez Baixeras lerá o pregón e ás 13h repartiranse os diplomas entre os viños gañadores. A animación correrá a cargo do grupo A Banda da Balbina. Pola tarde, ás 17h, as crianzas volven ser o centro de atención co espectáculo musical Brinca Vai, de Paco Nogueiras. A Vaia Banda de Odaiko será quen anime as últimas horas da mostra, que tamén contará con inchábeis de balde para as nenas e nenos.