Os días 1 e 2 de xuño

Vilaboa acolle a súa VIII Mostra do Viño

[Imaxe: Cedida]

A vila do Morrazo alberga, esta fin de semana, a oitava edición da súa festividade vitivinícola. Este ano as persoas asistentes poderán desfrutar de diversidade de viños ao son musical de diferentes grupos tradicionais.

O concello de Vilaboa acolle, esta fin de semana, a súa tradicional Mostra do Viño. A deste ano será a VIII edición dunha festividade que naceu co obxectivo de poñer en valor a calidade dos viños locais.

O público asistente á parroquia de Santa Cristina de Cobres poderá degustar, amparado pola boa climatoloxía, diversidade de viños tintos e brancos elaborados polos colleiteiros e colleiteiras da zona do Morrazo.

A celebración comezará este sábado día 1 a media mañá. A apertura das casetas terá lugar ás 11 horas e as persoas presentes poderán deleitar o seu padal acompañadas polo son da banda de música municipal. Os postos fecharán, momentaneamente, ás 14 do mediodía e volverán abrir ás 19 horas até o remate da xornada.

Pola tarde produciranse os concursos vitivinícolas. Ás 17 horas terá lugar a II edición da Cata Profesional das Adegas IXP Ribeiras do Morrazo na que participarán os viños da Enseada de San Simón. Dúas horas despois, ás 19, realizarase a cata pública entre os viños participantes na mostraxe.

Esta primeira xornada estará amenizada por música tradicional e tamén albergará diversas actividades enfocadas ao público infantil. O grupo Astarot será o encargado de despedir a xeira co seu concerto ás 22.30.

O domingo 2, a festa comezará á mesma hora que o día anterior. As casetas abrirán ao público ás 11 da mañá e permanecerán abertas ininterrompidamente até as 21 horas. Ás 12.30, o escritor Xosé Manuel G Trigo dará o pregón da Mostra.

Ás 13 horas, as adegas participantes nas catas do sábado saberán cales son os gañadores de ambos os concursos. As premiadas serán galardoadas cun diploma e a entrega estará amenizada baixo a música do grupo Aires de Cobres.

Pola tarde as persoas asistentes poderán seguir degustando os viños acompañadas de diversos concertos. Ás 17 horas, Peter Punk realizará un espectáculo de paiasos dirixido ao público infantil e, ás 19.30 horas, Marcelo Dobode-Turoqua fecharán esta edición.