Samuel Kwesi insiste en desmentir o patrón do 'Pitanxo': "O barco tería afundido igual aínda que non parase o motor"

Samuel Kwesi pasa por diante de Eduardo Rial após declarar na Audiencia Nacional. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
O patrón, Juan Padín, e máis o seu sobriño, Eduardo Rial, mantiveron ante a Audiencia Nacional que o terceiro mariñeiro que sobreviviu ao naufraxio "mente" e que o sinistro foi consecuencia dunha parada repentina do motor.

Samuel Kwesi, un dos tres sobreviventes do naufraxio do pesqueiro Vila de Pitanxo, asegurou ante a Audiencia Nacional que o barco tería afundido aínda que non tivese parado o motor. Así o sinalou na súa declaración o pasado 6 de xuño, á que tivo acceso Europa Press, unha intervención na que insistiu no seu relato, asegurando que o motor do buque non se detivo de súpeto, senón que o barco embarrou primeiro —as redes engancháronse ao fondo do mar— e comezou a escorarse e a entrar auga no interior.

Despois, e sempre segundo as súas palabras, o capitán do Pitanxo, Juan Padín —outro dos tres superviventes, alén do seu sobriño, Eduardo Rial—, comezaría a levar a cabo diferentes accións para tratar de liquidar a situación, até que finalmente parou o motor pola gran cantidade de auga que estaba a entrar.

"Xa entrara auga. O Pitanxo aínda que non parase o motor ía afundir igual, porque na posición na que estaba antes de que parase xa era o final", subliñou Kwesi. Esta versión contradi a defendida polo propio Padín e Rial.

Ambos os dous sostiveron nas súas declaracións que o motor do Vila de Pitanxo parou de forma repentina, deixando o barco a mercé das ondas no medio do temporal. Isto provocaría a entrada de auga e o seu posterior afundimento.

Con todo, a versión de Kwesi dista bastante da dos outros dous superviventes, xa que reiterou que foi o feito de embarrar o que provocou a entrada de auga, logo de que o capitán comezase a virar o barco para tratar de solucionar o problema, xa que a entrada de auga comezara a escorar o barco.

Nese momento, o xefe de máquinas trataría de baixar á sala de máquinas a ver que estaba a pasar e, acompañado por Eduardo Rial, chegaron até a porta de entrada desde a cuberta. Porén, segundo Samuel, nunca chegaron a entrar porque o buque estaba demasiado escorado xa. Nese momento, o motor do Pitanxo aínda funcionaba.

Unha das frases máis repetidas na declaración de Samuel foi a que, segundo el, dixo o capitán do buque minutos antes de que afundise. Kwesi asegurou que Padín non deu a alerta de abandono do buque nin de pór os traxes salvavidas, o único que dixo foi: "Subide arriba, subide á ponte [de mando], hostias!".

Esta oración foi repetida por Samuel de forma literal en, cando menos, unha decena de ocasións durante as case dúas horas de interrogatorio. Tamén asegurou que os mariñeiros pediron a Padín que soltase as redes para así poder corrixir o escoramento do barco, mais o capitán "nunca" lles fixo caso.

Baixada ao pecio

Por outra parte, o delegado do Goberno estatal na Galiza, José Miñóns, afirmou esta cuarta feira que o Executivo mantén "aberta" a opción de baixar ao pecio do Pitanxo, como piden as familias das vítimas. "Estamos a disposición dos equipos de investigación", asegurou.