"Non queda outra que ter paciencia": familiares das vítimas do 'Pitanxo' insisten en baixar ao barco

Manifestación das familias dos falecidos no naufraxio do 'Vila de Pitanxo', o pasado 3 de abril. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
Os Xulgados de Marín consideran que a investigación dos feitos é competencia da Audiencia Nacional, unha decisión que sorprende ás familias.

O Xulgado de Instrución número 2 de Marín rexeitou esta sexta feira a inhibición acordada por un Xulgado da Audiencia Nacional (AN) na causa relativa ao afundimento do pesqueiro galego Vila de Pitanxo, que naufragou o pasado 15 de febreiro a 450 quilómetros ao leste de Terranova (Canadá), unha traxedia na que faleceron 21 dos 24 tripulantes a bordo do buque.

No seu auto, a xuíza explica que o partido xudicial de Marín "non é o órgano territorialmente competente" para coñecer da instrución do procedemento porque os supostos delitos que se investigan foron cometidos en augas internacionais.

Por iso, acordou a devolución das dilixencias ao Xulgado Central de Instrución número 2 da AN, que acordou a inhibición a Marín porque, segundo o criterio da Audiencia, ao cometerse os posíbeis feitos delituosos nun buque radicado no Estado español debe equipararse ao territorio estatal e, deste modo, correspondería a esta localidade onde radica o porto base do Pitanxo.

Neste senso, a xuíza lembrou unha resolución do Tribunal Supremo de 2001 sobre unha cuestión de competencia exposta entre dous xulgados de instrución (Noia e Torrelavega) por delitos supostamente ocorridos nun buque español afundido en augas internacionais, que indicaba que "cumpriría estimar que a competencia nestes supostos corresponde á Audiencia por tratarse de delitos cometidos fóra do territorio estatal".

As familias insisten en baixar ao pecio

Pola súa parte, as e os familiares dos mariñeiros falecidos mostraron a súa "sorpresa" pola decisión do Xulgado de Marín. A portavoz das familias e filla do xefe de máquinas do buque, María José de Pazo, subliñou que continúan "confiando na Xustiza" porque consideran que antes ou despois a causa será investigada por un xuíz competente.

Con todo, recoñeceu que non esperaban esta resolución da xuíza marinense e indicou que "non queda outra que ter paciencia" e esperar a que se decida quen acabará investigando a traxedia. Aliás, volveu pór o foco na principal reivindicación das familias, que non é outra que instar o Goberno estatal a ordenar que se baixe ao pecio para axudar a aclarar que puido acontecer na madrugada do 15 de febreiro.

Neste senso, volveu apuntar o delegado do Goberno na Galiza, José Miñóns, para que explique que impedimentos legais existen para non poder baixar ao barco, e tamén indicou que pediron unha reunión coa embaixadora do Canadá no Estado español para saber a versión do Executivo canadense.

Pola súa parte, un dos avogados das familias tamén mostrou a súa sorpresa por esta decisión xudicial, malia recoñecer que é "preferíbel" que leve o caso a Audiencia Nacional. As partes seguen sen poder comparecer, xa que tanto a Audiencia como o Xulgado de Marín rexeitaron tramitar os chamamentos a declarar ás persoas implicadas, entre as que están as familias ou a propia armadora e a aseguradora do buque.

Preguntado sobre se o caso podería acabar levándoo outro xulgado como o de Cangas, onde reside o patrón do Vila de Pitanxo, Juan Padín, o letrado dixo que sería unha "peor opción", xa que está máis saturado mesmo que o de Marín.