[VÍDEO] “Este é o Goberno máis de esquerdas da historia?”: O reproche dun traballador en Navantia á ministra de Defensa

Margarita Robles visitaba os estaleiros cando un operario lle recriminou ao “Goberno máis de esquerdas da historia” que “non faga nada” mentres un xornalista vasco leva “preso en Polonia un ano e media, sen probas”.

A ministra de Defensa, Margarita Robles, desprazouse até Ferrol para visitar as obras de construción de fragatas nese estaleiro para a Armada española. O que non contaba a ministra era con ter que aguantar por parte dun traballador unha recriminación clara, diante de operarios do estaleiro e do séquito que acompañaba a ministra, sobre o papel do Goberno español.

“Somos o Goberno máis de esquerdas da historia e permitimos que un xornalista estea un ano e medio detido en Polonia sen probas?”, preguntou este traballador, Álvaro, delegado da CGT, referíndose ao xornalista vasco Pablo González.

“Esta é a Europa que defendedes?”, continuou preguntando, mentres a escasa distancia a ministra tiña que aguantar o rerproche. De entre o público saíron varias recriminacións á ministra a este respecto (“É un escándalo, defendeses esa Europa”).

 

O traballador proseguiu co seu reproche: “Non facedes nada! Está secuestrado [o xornalista] por un Goberno fascista como é o polaco e non facedes nada, ao igual que noutras cousas aquí en Navantia”.

A seguir, este operario incidiu en que o Goberno estatal “é o noso patrón” – é o dono dos estaleiros- “e a través da SEPI (Sociedade Estatal de Participacións Industriais) tennos bloqueado o convenio con parvadas”.