O VII Congreso da CIG Saúde reelixe María Xosé Abuín como secretaria nacional

Un momento do discurso de María Xosé Abuín

A central nacionalista, que nas últimas eleccións sindicais recuperou a condición de primeira forza no ámbito da sanidade pública, denunciou no seu congreso que as políticas do PP "mudan os valores da sanidade pública que nós defendemos polos do mercado". Na súa intervención perante o congreso, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, anunciou para esta semana asembleas de debate arredor da conveniencia de ir a unha greve xeral.

O VII Congreso da CIG Saúde -realizado este sábado nun hotel pontevedrés- reelixiu María Xosé Abuín como secretaria nacional por 83 votos a favor, 12 en branco e 1 nulo. Abuín lideraba a única lista nun conclave que escolleu tamén os membros da Executiva Nacional e as representantes da federación no Consello Confederal da central nacionalista.

 

Canda Abuin foron eleitas para compor a Executiva Nacional Carmen Aira Díaz, Ana Lestón Gallardo, Manuel González Moreira, Sandra Martínez Yáñez, Mª Áurea 'Marián' Rodríguez Blanco, Xoana Zamudio Cutrín, Fernando Rivas Pérez e Víctor Vila López, en tanto que representarán a federación no máximo órgao da central Ana Lestón e Xosé Manuel Marcote Baña.

 

O congreso -aberto cun discurso de saúda do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quen relembrou a súa etapa de médico e delegado da CIG saúde- aprobou por unanimidade os documentos a debate.

 

A CIG Saúde denunciou no seu conclave que as políticas neoliberais en curso están a resultar "nun cambio destrutivo do noso sistema sanitario", por meio de privatizacións e retallamentos de meios materiais e humanos. "Buscan un cambio de modelo que muda os valores da sanidade pública que defendemos polos do mercado", alega a central.

 

No documento a debate, critícase con dureza a introdución no sistema pública das "denominadas axencias", unha sorte de "chiringuitos", que avanzan na privatización, mesmo en áreas tan sensíbeis como a investigación biomédica pública, visando "que sexa a industria farmacéutica a que leve un maior beneficio da transferencia do coñecimento".

 

A recente reforma da Lei da Saúde de Galiza -coa eliminación de 4 das 11 áreas sanitarias galegas- tamén é obxecto de serias criticas por parte desta federación da CIG, quen se propón focalizar o seu traballo sindical até o próximo congreso na realización de "campañas de denuncia para explicarlle á poboación" as secuelas negativas que para a súa calidade de vida resultarán da aplicación das políticas privatizadoras do PP.

 

A greve xeral no horizonte

 

No Congreso interveu o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen cualificou a federación de saúde da central nacionalista como "único baluarte en contra das privatizacións", ao tempo que denunciou que as políticas do PP "só pretenden darlle barra libre ao capital para que faga negocio coa sanidade".

 

No seu discurso, Carril aludiu ao chamamento recente da CIG a unha greve xeral e nese sentido anunciou que esta semana se irán realizar asembleas nos centros de traballo para debater a conveniencia da realización desta medida de presión, talvez o instrumento de reivindicación máis potente ao alcance da clase traballadora. Tamén tivo palabras esclarecedoras sobre o sentido que para a central nacionalista ten o conceito de unidade sindical: “Non descartamos facer un chamamento formal ás direccións de CCOO e UGT, pero para nós a unidade sindical constrúese dende abaixo, nos centros de traballo e non nas cúpulas”.

 

O congreso fechouno a reelexida secretaria nacional, María Xosé Abuín, quen advogou por ir dando pasos cara "unha Galiza na que sexamos donas de nós, na que sexamos capaces de tomar as nosas decisións” e nese sentido censurou as políticas recentralizadoras impulsadas nos últimos anos desde o estado: “Unha parte importante das decisións das políticas de persoal tómase en Madrid, e con posterioridade nun acto de paripé ratifícanse estes acordos nas mesas de negociación do Sergas e da Función Pública”.

 

Abuín reprobou que as medidas recentralizadoras que se aplican na Galiza son produto dun pacto previo en Madrid entre o "goberno e as forzas sindicais [estatais]", nunha clara vulneración "dos nosos dereitos como país".


Nota: na foto de abaixo aparecen Abuín e as persoas que canda ela foron eleitas como integrantes da executiva.