A igualdade continúa a ser unha materia pendente

VIH; o estigma aínda pervive

Proba rápida CASCO

A coñecida como serofobia, o estigma e a discriminación cara ás persoas con VIH, segue a existir. A isto engádeselle a autoestigmatización, que acontece cando unha persoa con VIH acepta as ideas negativas e estereotipos sobre o virus e comeza a aplicalos a si mesmo. Explícannolo distintas voces, que apelan a acabar con estas actitudes discrimintarias.

“Cando dicimos que hai que tomar precaucións sempre, porque hai persoas que viven co VIH e non o saben, a resposta que máis recibimos é que non se preocupan porque sempre ligan con persoas ben vestidas, guapas e elegantes”. Esta afirmación pertence a Cristian Garza, traballador do Comité AntiSida da Coruña Casco, unha asociación fundada en 1990 por persoas que viven co VIH e que decidiron apoiarse mutuamente, recuperar a súa dignidade e facerse oír nunha sociedade que os rexeitaba. No entanto e, a pesar da información que existe hoxe en día, “segue a ser unha das enfermidades máis estigmatizadas do século XXI”, afirma en declaracións a este medio.

 

Aínda que habitualmente asociamos o VIH e a sida como sinónimos, non o son. O VIH é un retrovirus que ataca os linfocitos que recoñecen as ameazas que chegan ao noso corpo e mandan unha mensaxe para que reaccione de forma adecuada contra elas. A infección progresiva destes linfocitos diminúe a capacidade do noso organismo de identificar ditas ameazas, sendo máis fácil ter complicacións con enfermidades que en occidente se dan por controladas, coma a pneumonía. Pola contra, a sida é a enfermidade que pode desenvolverse despois duns anos de contraer a infección do VIH.

 

Estigma e discriminación

 

Nos Centros para o Control e Prevención de Enfermidades (CDC), distinguen entre estigma e discriminación. “O estigma do VIH consiste en actitudes e crenzas negativas sobre as persoas que viven co VIH. É o prexuízo cara a unha persoa que identificamos como parte dun grupo considerado socialmente inaceptábel. Por exemplo, crer que só certos grupos de persoas poden infectarse co VIH ou pensar que as persoas merecen infectarse co VIH polas decisións que tomaron nas súas vidas”, sinalan desde estes centros.

 

[A íntegra desta reportaxe aparece no Sermos329, disponíbel na nosa loxa e nos pontos de venda habituais]