Que sucede con VigoZoo? As últimas mortes sitúan no albo o único zoolóxico da Galiza

Unha femia de órix branco que estaba embarazada morreu desangrada pola demora en practicarlle a cesárea para o parto. (Foto: VigoZoo)
Os últimos decesos rexistrados no único zoolóxico do país están agora en mans da Xustiza e sitúan no foco un recinto que colectivos ecoloxistas e a oposición viguesa non dubidan en denominar "cárcere". O propio Concello —responsábel da xestión— comprometeuse a acabar coas gaiolas e reconverter o zoo perante un proxecto para o que aínda non hai datas concretas.

A pantera Kabul chegou ao único parque zoolóxico da Galiza, o de Vigo, en maio de 2006 e tornou nun dos animais máis lonxevos e queridos deste recinto. O pasado marzo, aos 21 anos de idade, o veterinario decidiu aplicarlle a eutanasia para "evitarlle un grave e irremediábel sufrimento", pois padecía unha enfermidade dexenerativa que acelerou a deterioración da súa saúde, segundo informou o Concello, responsábel da xestión destas instalacións.

O pasamento dun animal desa idade non sería noticia de non ser polo historial de decesos que acumula VigoZoo nos últimos meses, algúns deles por causas non naturais que poden resultar estrañas. Un lémure, dous tigres, un órix branco, seis ualabíes de pescozo vermello, un muflón de Córsega e unha aguia calzada son, canda a pantera, os trece animais falecidos só nos últimos tres anos —sete en tres meses— e cuxas mortes fixeron saltar as alarmas dos colectivos ecoloxistas e dos grupos políticos da oposición en Vigo.

Un dos tigres morreu afogado e pasou tres días somerxido até que se atopou o cadáver; o lémure, recentemente, por hipotermia, e o órix, unha femia embarazada, desangrada pola demora en practicarlle a cesárea para o parto.

No plano político, tanto o PP como Marea de Vigo e o BNG exixiron esclarecer o sucedido en reiteradas ocasións. A formación nacionalista, que elevará a denuncia ao Parlamento da Galiza, realizou o 25 de marzo unha "clausura simbólica" de VigoZoo, un espazo, censurou o seu portavoz municipal, Xabier Pérez Igrexas, "convertido nun campo de exterminio de animais". A 'popular' Marta Fernández-Tapias, na mesma liña, pediu coñecer "cantas mortes se produciron, en que circunstancias e que medidas se adoptaron", mentres Rubén Pérez, da Marea, afirmou que o "estado precario" dos animais e do propio zoo "xa non se pode agochar".

Aliás, o partido Pacma ve posíbeis neglixencias nas mortes, non acepta a versión do Concello, que nega que os decesos fosen consecuencia de accidentes ou problemas coas infraestruturas, e vén de trasladar o caso á Fiscalía de Medio Ambiente para dirimir posíbeis responsabilidades.

Na súa última inspección anual, o persoal da Xunta achou "indicios" de que os ualabíes puideron falecer envelenados pola "inxestión de matarratas". A falta de medios para prestar a atención que merecen aos animais sería a causa final detrás destas mortes por cuestións pouco habituais, pois os propios traballadores e traballadoras veñen denunciando que o persoal do que dispón actualmente o zoolóxico non é suficiente. O motivo, sinala a oposición viguesa, é a "falta de investimento" neste recinto por parte do Goberno de Abel Caballero.

O futuro do zoo

Esta non é a primeira vez que o único parque zoolóxico da Galiza fica no centro da polémica. En 2009, a Comisión Europea ordenou o fechamento das instalacións polos "inadecuados, inaceptábeis e insuficientes" coidados que recibían os animais. O Concello adoptou medidas para esquivar ese match ball e o zoo puido seguir operando ao tempo que medraban as voces proclives á súa reconversión.

Abel Caballero: "Non quero animais en catividade, é unha crueldade"

E o propio Caballero, deixando atrás a súa noutrora defensa dun zoo "modélico e exemplar", fixo súas estas proclamas en xaneiro de 2020: "Non quero animais en catividade, é unha crueldade". Anunciaba entón un plan radical de transformación do que hoxe aínda faltan moitos detalles por coñecer, denuncian diferentes colectivos, a comezar pola data de estrea definitiva, cando sairán os últimos animais engaiolados ou "quen son as persoas expertas" que están a avalar o plan de reconversión, cuestión que preocupa á Fundación Franz Weber.

Esta e outras asociacións ambientalistas, como Amigos da Terra ou Ecoloxistas en Acción, urxen tamén a adopción de medidas e as "explicacións" oportunas sobre a situación que atravesa VigoZoo, cuxa "sobrepoboación" levou o Concello a poxar 89 exemplares de diferentes especies por non ter sitio para eles, especialmente tras o anuncio de que non se reporían os falecidos co obxectivo de baleirar as gaiolas cara á agardada reconversión do recinto, que, segundo transcendeu, levará a crear 12 áreas temáticas con diferentes espazos de lecer e divulgación. En xaneiro deste ano comezou a construción do "parque infantil de aventuras".

Polo de agora, continúan as denuncias polo "goteo" de mortes nun zoo que, apuntaba esta mesma semana o BNG, o persoal foi "obrigado" polo Concello a "fechar o acceso aos cubís interiores" para que os animais permanecesen exhibidos no exterior. "Unha instrución que se impuxo contra o criterio técnico e científico de parte do persoal coidador", lamentou Pérez Igrexas.

Nós Diario tentou, sen éxito, obter unha valoración do Goberno local a respecto desta situación, se ben o Concello ten negado reiteradamente nas últimas datas que exista un "goteo de mortes en estrañas circunstancias" e que os animais falecidos, por "causas naturais", chegaran ao zoo "con algunhas enfermidades", procedentes de circos ou comisos por tenza ilegal.