Vigo tamén se move contra o ''xenocidio financeiro'' dos desafiuzamentos

Stop-desafiuzamentos convocou unha mobilización secundada por colectivos sociais e organizacións sindicais para visibilizar o rexeitamento a esta práctica emprendida polas entidades financeiras e que deixa cada día na Galiza cinco familias sen casa. Cada desafiuzamento afecta a unha media de tres persoas

 

Na Galiza, cada día cinco familias quedan sen vivenda, e cada desafiuzamento afecta unha media de tres persoas. Porén, no Estado español hai máis dun millón de casas baleiras.

En contra da execución do que consideran "un xenocidio financeiro" e clamando por responsabilidades "entre aqueles que son premiados con indemnizacións e xubiliacións multimillonarias", decenas de persoas secundaron esta cuarta feira a mobilización convocada en Vigo pola plataforma cidadá Stop-desafiuzamentos, que contou co apoio de diversos colectivos sociais e das centrais sindicais CIG, CCOO e UGT.

Suxeitando candeas coas que quixeron recordar as persoas que se suicidaron pola "estafa" da crise económica --máis de cen nos últimos sete anos--, a acción consistiu nunha cadea humana que percorreu distintas entidades bancarias situadas no cruce de Colón, após unha concentración diante da porta da sede principal de Novagalicia Banco na cidade olívica. O obxectivo primeiro foi visibilizar o rexeitamento d@s alí presentes "a este abuso continuado por parte das entidades financeiras e dos seus gobernos cómplices".

As mobilizacións contra os desafiuzamentos reprodúcense en todos os recunchos do país. Esta terza ducias de persoas bloquearon as oficinas do BBVA no barrio compostelán de Conxo contra a posibilidade de que unha familia veciña fique sen casa. Desde a dirección da entidade bancaria recoñeceron a súa preocupación, mais enfocárona cara a un obxectivo concreto: que as protestas cidadás "non danen a imaxe do banco". Nestes termos pronunciouse o director substituto da entidade ao saber da mobilización que Stop-desafiuzamentos prevé realizar a finais desta semana diante da oficina central en Compostela.