Vigo súmase ás mobilizacións internacionais contra o TTIP deste sábado

Está convocada pola plataforma 'Non ao TTIP' e decorrerá desde a Praza da Independencia baixo o lema 'Comercio en beneficio do pobo, non das multinacionais'.

A plataforma 'Non ao TTIP Galiza', da que fan parte diferentes colectivos, asociacións e entidades, convoca para este sábado 10 de outubro unha manifestación en Vigo contra os tratados de libre comercio TTIP, CETA, TISA e TPP. A marcha desenvolverase baixo o lema 'Comercio en beneficio do pobo, non das multinacionais' e partirá da Praza da Independencia ás 20.00 horas.

Esta mobilización terá lugar simultáneamente en diferentes cidades de distintos países do mundo, protestos para rexeitar estes acordos comerciais que, afirman, van contra a igualdade, os dereitos sociais e laborais, a defensa ambiental e a democracia real.

Dous tratados, chamados de “comercio e investimentos”, ameazan moi seriamente as nosas condicións de vida, afirman desde a plataforma. Un deles xa negociado con Canadá (CETA) e outro aínda en negociacións con Estados Unidos (TTIP), “que se unen á longa lista de tratados semellantes que se negocian entre países formando un tecido compacto que ameaza seriamente a democracia e a soberanía en todo o mundo”.