Vigo sae á rúa para esixir un hospital cento por cento público

[Imaxe: GalizaContrainfo] Manifestación en defensa da sanidade pública en Vigo

Miles de persoas participaron na manifestación convocada en Vigo en defensa dunha sanidade pública sen recortes e dun hospital cento por cento público. “Conselleiro trapalleiro” “ou “A privatización é corrupción” foron os lemas máis berrados.

Cando fixo un ano da gran manifestación que congregou máis de 200.000 persoas nas rúas de Vigo para esixir un hospital público, a cidade volveu acoller unha nova mobilización, na que participaron unhas dúas mil persoas, para solicitar unha sanidade pública e sen recortes.

Pasadas as 12h, as rúas do centro da cidade acolleron as persoas manifestantes, que berraron consignas como “Camas fechadas, negocio para as privadas”, “Conselleiro, trapalleiro” ou “A privatización é corrupción”.

O presidente da Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo, Ángel Cameselle (CCOO), salientou en declaracións aos medios a intención de facer do 3 de setembro o “día da loita pola sanidade pública”.

Tamén participaron da marcha o candidato do PSdeG á Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga (que non coincidiu con Abel Caballero) e o seu homólogo da Marea, Luis Villares, que estaba acompañado da número 1 de En Marea por Pontevedra, a secretaria xeral de Podemos na Galiza, Carmen Santos. Leiceaga comprometeuse en declaracións a prensa a “dar todos os pasos con urxencia para recuperar o carácter público do hospital”, mentres que Villares acusou Alberto Núñez Feijóo de “vender a sanidade privada para facer o seu propio negocio”. Na manifestación tamén puideron verse representantes do BNG, como Serafín Otero.

Durante toda a xornada, Vigo acollerá diferentes actividades lúdico-reivindicativas que complementan a manifestación que percorreu o centro da cidade durante o mediodía.