Vigo prepárase para recibir as zapatistas, que arribarán esta fin de semana

Mural con simboloxía zapatista na praia da Buraca, en Vigo, nunha representación de arte efémera elaborada por Ecoar Global (Foto: Ecoar).

O Escuadrón 421 do EZNL, que atravesa o océano Atlántico no veleiro 'La Montaña', recalou a pasada semana nas illas Açores.

O pasado 3 de maio partiu da costa mexicana o veleiro La Montaña, cuxa tripulación conforman sete activistas do Escuadrón 421 do Exército Zapatista para a Liberación Nacional (EZLN), rumbo a Europa para levar a súa "Xira pola Vida" a 30 cidades do vello continente.

Agora, após un mes e medio de travesía polo océano Atlántico, a delegación zapatista está a piques de arribar na Galiza, logo de estrearse en territorio europeo a pasada semana recalando nas illas Açores.

A súa chegada ao porto de transatlánticos de Vigo está prevista para esta fin de semana, mais aínda non se coñece con certeza o día. "Hoxe [por onte] foi unha incógnita por mor do temporal, xa que o mar estivo axitado e elas veñen a vela, polo que calcular a chegada é unha lotaría", explica a Nós Diario Manuel Roxo, do colectivo Pallasos en Rebeldía e un dos compoñentes da asemblea que prepara a benvida ás zapatistas.

"Cremos que chegarán o domingo, mais malia que fose o sábado, se cadra agardaremos ao día seguinte porque temos que organizar a recepción e anunciar o día", afirma.

Roxo considera a visita do Escuadrón 421 un "fito histórico", xa que se trata da primeira visita das e dos indíxenas zapatistas ao lugar "que os libros din que os descubriu", pero máis ben "os espoliou".

"Temos moito que aprender delas"

O activista galego sinala esta experiencia como "unha grande aprendizaxe" sobre a causa zapatista da que, afirma, a esquerda europea ten moito que aprender: "Traen moitas mensaxes anticapitalistas e reflexións sobre o sistema que estamos a crear, deshumanizante, pouco comunitario e pouco cooperativo. Veñen darnos unha lección desde a selva Lacandona, porque nós crémonos desde aquí moi alternativas e moi de esquerdas, mais as compañeiras zapatistas dinnos 'reaccionade, empezade de novo', porque hai moitas pequenas loitas que nós non atendemos", sostén.

Actos de benvida

A recepción da tripulación será "moi humana, de aperta colectiva", afirma Roxo. "Temos un escenario no que decorrerán diferentes actos para celebrar esa mestizaxe que nos une a todas", engade.

Aliás, desde o 14 de xullo, o monte das Pedriñas de Mos, un espazo autoxestionado pola veciñanza, conta cun espazo para caravanas, tendas de acampada e os servizos precisos para "acoller ás compañeiras galegas e as que veñen de toda Europa a recibir á delegación zapatista".