Vigo marcha contra a LGTBIfobia e A Coruña lembra Samuel Luiz

Manifestación de onte nas rúas de Vigo (Foto: Nós Diario).
A Galiza fecha os actos do mes do Orgullo.

A cidade olívica, Vigo, acolleu no serán de onte a manifestación do Orgullo LGTBI+ en Vigo, que neste 2022 tivo como lema “Contra as violencias, valentes e libres”, pois o obxecto é dicir “basta” aos delitos de odio, a homofobia e a transfobia.

A macha, acto central do mes do Orgullo, saíu do Cruce Vía Noite e rematou na Praza da Pedra tras atravesar as rúas Urzáis, Colón, Praza de Compostela, Victoria, Gamboa, Palma e Praza da Pedra. Logo de rematar, ás 22 horas comezou a "Festa DiversXs” na propia Praza da Pedra, onde actuaron Meiga-i, O Raberlo e DJ Lakenobaila.

Entre as persoas asistentes houbo distintas representantes de asociacións como NosMesmas e de formacións políticas, como as deputadas do BNG no Parlamento galego, Carmela González e Alexandra Fernández, así como o portavoz municipal da formación nacionalista en Vigo, Xabier P. Igrexas.

A Coruña lembra Samuel Luiz

Pouco antes de que comezase a marcha en Vigo a cidade herculina, A Coruña, lembrou a figura de Samuel Luiz, o mozo de 24 anos asasinado hai hoxe un ano após sufrir unha brutal malleira no paseo marítimo coruñés ao berro de “maricón de merda”.

ALAS Coruña organizou unha vixilia na súa honra moi preto de onde tivo lugar a agresión na que participaron numerosas cidadás. No seu recordo e no de "outras vítimas da LGTBIfobia", gardouse un minuto de silencio e fíxose unha ofrenda floral no lugar onde ocorreron os feitos.

Durante o acto, sinalaron que agardan “que toda a cidade se implique conta a LGTBIfobia e que nunca máis sexa necesario desenvolver un acto así”.