Vigo lembra o 78 aniversario dos bombardeos de Hiroshima e Nagasaki

O poeta vigués Antonio García Teijeiro, no acto. (Foto: Nós Diario)
Poemas e música recordan o masacre.

Vigo acolleu esta cuarta feira un acto de lembranza do 78 aniversario  do lanzamento das bombas nucleares por parte dos Estados Unidos de América (EUA) nas cidades xaponesas de Hiroshima e Nagasaki, o 6 e o 9 de agosto de 1945, respectivamente.

En palabras do voceiro da entidade organizadora, o Comité Anti OTAN de Vigo, Manuel Garrido, foi un acto "universal" e "de memoria para recordar o feito humano máis desagradábel da historia da humanidade", que foi o bombardeo de poboación civil nipona cando "todas as investigacións sinalan que naquela altura a guerra estaba xa practicamente rematada".

Garrido sinala tamén a Nós Diario a importancia de recordar este suceso no marco da situación xeopolítica actual: "En Ucraína está a decorrer unha guerra e a escalada nuclear pode acontecer en calquera momento. Temos que ter memoria".

Nun acto presentado por Mónica Bernárdez e que contou coa música de Santiago Veloso, na praza da Princesa escoitáronse poemas de Antonio Teijeiro, Anxo Angueira, Isolda Alcázar e Fran Alonso. Interviron tamén no evento –ao que asistiron representantes políticos como o voceiro do BNG en Vigo, Xabier  P. Igrexas– o relator Xosé Vieira e Manolo Garrido. Ao remate, Anxo Barreiro soltou unha pomba, símbolo da paz, mentres soaba o violín de Laura Quintillán.