É o Cristo da Guía de Vigo un símbolo franquista?

A escultura do Sagrado Corazón que desde esta cuarta feira loce no alto da ermida da Guía, en Vigo. (Foto: religiondigital.org)
O Concello de Vigo instalou esta cuarta feira no alto da capela da Guía unha escultura do Sagrado Corazón de Xesús, cun custo de 84.000 euros para as arcas públicas.

Esta cuarta feira rematou a instalación do Sagrado Corazón de Xesús que agora coroa a capela da Guía, en Vigo. Trátase dunha escultura relixiosa de seis metros de altura construída pola Escola provincial de canteiros e cedida ao Concello pola Deputación de Pontevedra.

O alcalde, Abel Caballero, explicou recentemente que o deseño da escultura "responde aos planos orixinais da ermida", erixida en 1951 con base no deseño do arquitecto vigués Manuel Gómez Román —quen foi tamén secretario xeral do Partido Galeguista e concelleiro en Vigo—. As obras paralizáranse daquela polo seu elevado custo. Situar agora no alto da capela este Cristo valerá perto de 84.000 euros.

Porén, a polémica está servida. O historiador Lucio Martínez Pereda vén de advertir a través de Twitter do "enorme risco" coa instalación desta escultura que Vigo corre de "converterse nun novo lugar de peregrinaxe para a ultradereita e o neofascismo español".

Martínez Pereda salientou que a cidade olívica será "a única do Estado español que pague con diñeiro público unha estatua coa imaxe relixiosa que representou con maior intensidade e claridade o cruzadismo belicista do nacional-catolicismo".

Mais xa en 2020 a Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) alertaba do "escándalo" que suporía coroar a capela da Guía con esta escultura. "É un símbolo claramente franquista que foi utilizado como icona da loita contra os valores democráticos e as persoas que os defendían".

"Especial estupor provoca que os traballos para a colocación dunha escultura na ermida do Monte da Guía, proxectados durante a ditadura pero paralizados polo seu elevado custo, vaian ser finalmente financiados por dúas institucións democráticas", precisaron, en alusión a Concello e Deputación.

Criticaban, aliás, que teña cabida "nun Estado aconfesional", tal e como recolle a Constitución de 1978, destinar cartos públicos a este tipo de infraestruturas.