Vigo gastará 8 euros por habitante en luces de Nadal até o ano 2027

Evolución do custo do alumeado de nadal na cidade de Vigo. (Infografía: Nós Diario)
Abel Caballero triplica o custo da anterior licitación, datada de 2018 e prorrogada en dúas ocasións.

O Concello de Vigo adxudicou en 2018 a Ximénez Iluminación o contrato do alumeado de Nadal por un importe próximo aos 2,5 millóns de euros e unha duración de tres anos, o que se traduce nun gasto anual de pouco máis de 800.000 euros. Ou, o que é o mesmo, a cada vigués e viguesa 'custoulle' uns 2,7 euros. Unha vez concluído prorrogouse para o pasado ano, cun lixeiro incremento que o elevou até os 929.000 euros —3,18 por habitante—.

Mais o alcalde, Abel Caballero, está decidido neste mandato a bater todas as marcas. O Goberno local vén de iniciar a licitación do novo contrato, que ficará en vixencia entre este mesmo Nadal e o de 2026-2027, e o seu custo para estas catro anualidades dispárase até os 9,48 millóns de euros —IVE incluído—. En cada cita con estas festas en Vigo, por tanto, o Concello gastará no alumeado da cidade, de media, uns 2,37 millóns de euros; é dicir, 187% máis que en 2018.

En só un lustro, o Nadal pasará de 'pesar' nos petos da cidadanía viguesa 2,7 euros a perto de 8,3. O triplo. E, tomando como referencia os datos do pasado Nadal, á espera aínda de coñecer os orzamentos dos que disporán este ano, Vigo investiu contías significativamente superiores ás das grandes cidades do Estado español.

En 2022, o gasto en Madrid roldou os 4 millóns de euros —1,2 por persoa—, e en Barcelona, uns 2,23 millóns —menos do que prevé destinar a cidade olívica desde este ano e uns 1,4 euros por habitante—. Madrileños e barceloneses gastarán, en proporción, sete veces menos que os vigueses.

Alén dos efectos da inflación, o notábel incremento desta contía responde á intención de Abel Caballero de "facer medrar" o Nadal en Vigo, unhas festas que o seu gabinete xa comezou a deseñar en pleno mes de agosto.

Xustifica o Concello que ten un "dobre efecto" na economía da cidade: "directo", polo "gasto en hostalaría, restauración e compras" das e dos visitantes, e "indirecto", pola "visibilidade" da cidade de Vigo nestas datas, que se "materializa" na prensa e as redes sociais.