Vigo gasta no alumeado de Nadal tanto como o resto de cidades galegas xuntas

(Imaxe: ODS-Coia)

Colectivos sociais advirten de que o exceso de luces non oculta as “sombras de miseria” na cidade. O movemento feminista denuncia que foi boicoteado no día Internacional Contra a Violencia Machista, facendo coincidir o acendido no mesmo lugar e hora que a marcha convocada.

O alumeado e a decoración de Nadal en Vigo terán un custo similar o destinado polo resto de cidades galegas xuntas. O goberno municipal duplicou a partida con respecto os dous anos anteriores até os case 800.000 euros, o que espertou de novo as críticas dos movementos sociais. “Cansa padecer un goberno que destina tantos recursos en agochar a miserenta realidade na que malviven moitas veciñas”, denuncian desde a Oficina de Dereitos Sociais (ODS) de Coia, que chaman a non quedar “cegadas” polas luces.

 

“Dinnos que Vigo está en competencia coas grandes cidades do capital: Nova Iorque, Londres, Tokio, Barcelona… 'Cidades globais' nas que moitos movementos veñen denunciando os problemas de acceso á vivenda”, critican desde o colectivo veciñal. Así, unha nova burbulla asoma na cidade. As propias empresas inmobiliarias veñen de advertir de que a demanda de aluguer podería superar a oferta de pisos para 2018, incrementando máis os prezos e facendo inasumible para unha familia de renda media acceder a unha vivenda en bo estado.
 

“Só na nosa contorna dúas compañeiras están pendentes de despexo. A elas agardamos non ter que engadir a unha familia, perceptora de RISGA, que finaliza o contrato de alugueiro sen máis horizonte que as rúas da cidade, posto que o mercado só oferta vivendas impagables cos seus ingresos”, manifestan desde a ODS-Coia.
 

O acendido tamén estivo marcado pola polémica. Previsto para o 24 de novembro, as previsións de choiva fixeron que o Concello movera un día o inicio do alumeado. Mais nesa data, e a mesma hora, estaba convocada a marcha polo día Internacional Contra a Violencia Machista, que quedou invisibilizada polas miles de persoas que acudiron o evento de Nadal.
 

“Onte foi un día importante para a loita feminista, tódolos 25 de novembro o son, e aínda que sempre é difícil onte fíxose un pouco máis ao sufrir catro compañeiras agresións físicas e verbais ao tentar chegar a farola de Urzaiz para saír en manifestación. Agresións machistas que tiveron lugar na masificación provocada polo acendido navideño e mentres o alcalde de Vigo daba o seu discurso sobre o capitalismo, tan importante nestas datas, nun 25 de novembro que ningunha relevancia lle tiña”, sinalan desde a Asociación Nós Mesmas, nunha información recollida por Galiza Contrainfo.

 

 

O gasto no resto de cidades

En Compostela, este ano adiantaron a acendido o 30 de novembro, e cun custo que duplica o do ano anterior, ao redor de 200.000 euros nunha licitación bianual.

 

A seguinte en facelo será Pontevedra, prevista para o 1 de decembro, cun gasto de 82.000 euros nun contrato que inclúe tamén o alumeado das festas da Peregrina e do entroido. Na mesma data, Ourense e Lugo, con contratos de 88.900 euros e de 41.745 respectivamente.

 

En Ferrol, con 78.000 euros de partida, e na Coruña, cun gasto similar o pasado ano superior os 300.000 euros, prenderán o alumeado o 5 de decembro.