Un instituto de Vigo celebra a I Semana da Diversidade LGBTI

Baixo o lema Igualdade para vivir, diversidade para convivir, o IES Politécnico de Vigo organiza a I Semana da diversidade LGTBI coa colaboración de personalidades como Iolanda Castaño e Carlos Callón. Os actos terán lugar os días 22, 23, 24 e 26 de maio no salón de actos do centro. 

Esta Semana da Diversidade ten como obxectivo a concienzación contra a homofobia e transfobia. Con esta finalidade, organizaranse unha serie de coloquios no centro relacionados con esta temática con diversas personalidades entre os vindeiros 22 e 26 de maio. Ademais, a entrada do IES dará acubillo a exposición fotográfica Somos, de Ana Fresco.

A semana comezará cun coloquio con Iolanda Castaño que leva o nome de Escritas disidentes, que terá lugar a vindeira segunda feira 22 de maio. A terza feira contarase coa participación de Carlos Callón en Cando e como aparece a homofobia. A semana continuará cunha charla entre o alumnado da ESO que terá lugar a cuarta feira. Como peche, Francisco Rodríguez falará o 26 de maio sobre A perspectiva homoerótica de Rosalía de Castro.

Todos os actos terán lugar no salón de actos do IES Politécnico de Vigo e contarán coa presenza do alumnado do centro. A exposición fotográfica poderá visitarse xa dende o 19 de maio até o 2 de xuño.