Vigo bótase a andar contra a expropiación de monte en man común para un novo centro comercial

[Imaxes: GZ Vídeos]

Veciñas e veciños da parroquia de Cabral organizaron este domingo unha andaina até o monte para manifestar a súa oposición ao proxecto de Porto Cabral. Vídeo no interior.

“O monte non se vende!”. Baixo esa consigna varios centos de persoas participaron a mañá deste domingo da andaina veciñal en defensa do monte de Cabral, en Vigo. O acto impulsado por un colectivo de veciñas e veciños preocupados polo proxecto de instalación en Liñeiriños (Cabral) dun grande complexo comercial e de lecer, que suporá a expropiación de 600.000m2 --a meirande parte de monte en man común-- consistiu nunha camiñada desde o adro da igrexa parroquial até o parque forestal de Cotogrande. Nela participaron representantes do BNG, co seu responsábel local á cabeza (o ex-deputado Henrique Vieitez), o secretario comarcal da CIG, Serafín Otero, así como membros de AGE e de diversos colectivos ambientais, como a plataforma "A ría non se vende".

A andaina, na que salientaba a participación da mocidade, concluíu cunha asemblea aberta ao ar libre. Na mesma sucedéronse intervencións de veciñas e veciños, salientándose as de algúns comuneiros, nas que se expresou o rexeitamento contra o proceder da xunta reitora da comunidade de montes á que acusan de falta de transparencia e de “actuar de costas á veciñanza”. Precisamente o pasado mes de abril suspendíase por mor da presión veciñal a asemblea xeral da comunidade de montes, na que estaba prevista a ratificación do proxecto comercial.

"Non imos permitir que se desfagan desta maneira do monte de todas e todos" 

Neste senso os reclamos centráronse en demandar información e participación na toma de decisións. “O primeiro que ten que funcionar é a democracia na parroquia” asegurábase nunha das intervencións. Aliás, acusaron á xunta reitora da comunidade de montes de “facilitar a venda do monte que teñen obriga de protexer e defender”. No concreto demandan que na vindeira asemblea xeral da comunidade, prevista para o domingo 26 de maio, a votación que ha de fixar a posición das e dos comuneiros sobre este proxecto se faga en urna e non a man alzada como medio de "evitar a coacción e as presións". O obxectivo é claro "non imos permitir que se desfagan desta maneira do monte de todas e todos" afirmaron.

Un proxecto descoñecido que abandeira Abel Caballero

A pesar de que se descoñece o proxecto concreto do futuro complexo Porto Cabral, impulsado polo fondo de investimentos Eurofund, este conta arestora cunha importante oposición política e social. De facto apenas trascenderon publicamente infografías coa simulación dese complexo, que amais de instalacións comerciais contempla outras ligadas ao lecer como unha lagoa artificial. Malia a falla de información concreta o Alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, foi o primeiro en expresar o seu entusiasta apoio a unha iniciativa privada que segundo el podería crear até 5.000 postos de traballo, cifra que a propia promotora rebaixa a pouco máis de 3.000. Creación de emprego posta en dúbida pola veciñanza da parroquia, quen puxeron os exemplos recentes de Marineda City na Coruña e As Cancelas en Compostela, que segundo aseguraron "supuxo apenas o traslado de postos dun sitio para outro mais non a creación de máis emprego".

Para alén do rexeitamento de boa parte da veciñanza da parroquia, BNG e EU xa se amosaron contrarias á instalación de novas áreas comerciais na cidade, posición coa que recentemente cadraron os colectivos de comerciantes. Nos vindeiros días prevese un posicionamento das diferentes centrais sindicais que segundo puido saber Sermos Galiza será tamén desfavorábel.