Vigo e Becerreá súmanse aos concellos que estabelecen medidas para atallar a situación de seca

Xente nunha céntrica rúa de Vigo. (Foto: Europa Press)
Os dous municipios piden responsabilidade á poboación no consumo de auga.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, pediu á poboación da cidade e da súa área metropolitana que reduzan o consumo de auga ante a situación de seca que vive a Galiza. O Concello adoptou unha serie de medidas porque, en palabras de Caballero, "non estamos mal, pero podemos estar moi mal no outono".

Na súa rolda de prensa diaria, o rexedor indicou que, a pesar das choivas rexistradas esta pasada fin de semana, a situación dos encoros que abastecen a cidade non cambiou.

Segundo as súas cifras, o encoro de Eiras atópase "máis ou menos na medida dos últimos 10 anos", con 82% da súa capacidade, "mellor que o ano pasado pero un pouco por baixo de hai dous anos". A pesar diso, insistiu na importancia de prepararse para un outono seco, como auguran algunhas previsións.

Por iso, pediu á cidadanía que reduza o consumo de auga e indicou que enviará unha carta ás principais industrias da urbe co mesmo fin. Ademais, anunciou unha serie de medidas que o Concello levará a cabo, como a redución do tempo e a presión da auga das duchas das praias ou dos sistemas de rega dos xardíns municipais.

Situación en Becerreá

Pola súa parte, o Concello de Becerreá enviou un bando a todas as parroquias e núcleos de poboación, no que se recomenda un uso responsábel e "racional" da auga.

O alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, explicou que se busca "evitar o baldeo e a rega de hortas", entre outros consellos. "Son recomendacións mínimas que permitirán que os veciños non teñan ningún problema coa auga", proclamou.

Martínez apuntou que "as traídas de auga e as captacións baixaron moitísimo, e máis da metade das fontes están cun caudal mínimo". Porén, garantiu que "no Concello de Becerreá non existen graves problemas de abastecemento de auga".

O alcalde de Becerreá confirmou que "a capitalidade do municipio están ben, sen ningún problema". "No resto de pobos estamos a abastecer a unha casa no núcleo de Neira de Rei, tirando cara ao Cádavo", apunta. "Agora tamén se está mirando un depósito, que chamaron onte que quedaron sen auga, co cal ou secou a fonte ou o consumo é maior. Liquidarase no día de hoxe", concluíu.