Vigo baixará ao nivel medio-baixo de restricións a partir da sexta feira

Descenso pola rúa Urzaiz no cruce coa Gran Vía de Vigo. (Foto: Nós Diario).
Os concellos de Cambados, Laza e Padrón pasarán a contar co nivel máximo de restricións, con mobilidade limitada. Pola súa banda, haberá nivel alto de restricións nos municipios de Cangas, A Laracha, Lobios, Oleiros, Ribeira e Vilanova de Arousa.

A cidade de Vigo baixará ás 00.00 horas desta sexta feira ao nivel medio-baixo de restricións pola Covid-19, segundo comunicou a Consellaría de Sanidade após analizar esta cuarta feira o resultado dos cribados realizados nas últimas horas.

Así, esta terza feira este departamento matizou que a cidade olívica non pasaría ao nivel medio baixo das restricións da pandemia provocada pola Covid-19 até revisar estes resultados, debido a que había "certas dúbidas".

Coas restricións de nivel medio baixo pódese ocupar até o 50% da capacidade no interior de bares e restaurantes e até o 75% en terraza.

Desta forma, a partir das 00.00 horas desta sexta feira os concellos de Cambados, Laza e Padrón pasarán a contar co nivel máximo de restricións, con mobilidade limitada. Pola súa banda, haberá nivel alto de restricións nos municipios de Cangas, A Laracha, Lobios, Oleiros, Ribeira e Vilanova de Arousa.

Doutra banda, aplicaranse medidas de nivel medio en Ames, Barbadás, Betanzos, Bueu, Carballeda de Valdeorras, Carral, Cerdedo-Cotobade, Chantada, Cualedro, Cuntis, Fisterra, Fornelos de Montes, Gondomar, Lalín, Marín, Melide, Moaña, Moraña, Noia, Ordes, A Pastoriza, Ponte Caldelas, Salceda de Caselas, Santiso, Silleda, Soutomaior, Toén, Tomiño e Valga.

O resto de concellos, incluída a cidade de Vigo, contarán coas medidas correspondentes ao nivel medio-baixo de restricións.

Fontes do Servizo Galego de Saúde (Sergas) comunicaron que os dous últimos cribados realizados na área Sanitaria de Vigo tiveron lugar no Porto de Vigo e en mercados da cidade, concretamente nos de Teis, O Progreso, Calvario e Travesas.

No relativo ao cribado nos mercados, participaron un total de 967 persoas e detectouse un positivo. No do Porto de Vigo, dirixido a traballadores do sector pesqueiro da cidade, participaron 905 persoas das 1.200 citadas -un 75 %- e detectáronse 21 casos positivos -o que representa un 2,3 % sobre o total de participantes-.