[VÍDEOS] "Os veciños apagan o lume desde terra" porque "aínda non chegan os medios": 16 hectáreas calcinadas en Moaña

Incendio de Moaña, na parroquia de Meira. (Foto: @Olatz_MS/Twitter)

Outro incendio, en Ponteareas, arrasou xa unhas 20 hectáreas.

*Información actualizada ás 20.27 horas

Os concellos de Moaña, As Neves, Ponteareas e Negreira rexistran varios incendios forestais esta segunda feira na Galiza, despois de que a pasada sexta feira os servizos de extinción conseguisen apagar o que afectaba Pantón de Ferreira, o único que quedaba activo no país.

Segundo informou a Consellaría de Medio Rural a Europa Press, o incendio de Moaña iniciouse ás 15.54 horas na parroquia de Meira. Nel traballan polo de agora tres avións, tres motobombas, seis brigadas e dous axentes.

Aínda que en diferentes imaxes de veciños en redes sociais obsérvase que o incendio está próximo a vivendas, a Xunta non decretou a Situación 2 de alerta até as 17.40 horas. Aliás, este incendio obrigou a cortar a estrada CGCG 4.1 entre os quilómetros 5 e 6, aínda que a Consellaría de Medio Rural confirmou a última hora da tarde que se restabelecía o tráfico na autovía do Morrazo.

O incendio de Meira, en Moaña. (Foto: Europa Press)

A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, explicou a Europa Press que a parroquia está a vivir unha situación crítica, "cos veciños apagando o lume desde terra" porque "aínda non chegaron os medios". Asegura que non houbo desaloxos porque os habitantes traballan na zona.

Incendios nas Neves, Negreira e Ponteareas

Por outra parte, está activo un lume na parroquia de Batalláns, no concello das Neves. As lapas orixináronse ás 15.52 horas e nel traballan un helicóptero, unha motobomba, dúas brigadas e un axente.

Tamén está activo un incendio en Negreira, na parroquia de Aro, desde as 14.25 horas. Até o lugar acudiron para participar nos labores de extinción tres helicópteros, catro motobombas, nove brigadas e un axente.

Por último, a primeira hora da tarde declarouse un incendio na parroquia de Guillade, no concello de Ponteareas. 3 axentes, 6 brigadas, 3 motbombas, unha pá, 4 avións e 7 helicópteros son os efectivos que tratan de apagar un lume que xa queimou unhas 20 hectáreas de maneira provisional, e que obrigou a declarar a Situación 2 de alerta pola proximidade das lapas a vivendas e domicilios.