Vídeos e fotografías de malos tratos dun denunciante anónimo serviron para clausurar o centro da Fonsagrada

Vivendas comunitarias Burón, na Fonsagrada

As persoas residentes trasladadas ao HULA teñen úlceras, hematomas e chagas. As autoridades agardan trasladalos a outras residencias.

Material fotográfico e de vídeo dunha persoa anónima permitiu destapar o caso de malos tratos ás persoas maiores residentes nas vivendas comunitarias Burón I e II da Fonsagrada. Estas probas serviron para que este centro privado fose clausurado pola Consellaría de Política Social. A denuncia chegou en primeira instancia aos servizos sociais do municipio que procedeu a elevar o caso á Xunta e ás propias autoridades.

Segundo o alcalde da localidade, Carlos López, a primeira denuncia formulouse no mes de marzo por parte dunha residente dun centro público e que estivera previamente na citada residencia privada. A Xunta non actuou, segundo o rexedor, por non contar con documentación e probas suficientes que demostrasen os feitos.

A nova denuncia anónima foi a que facilitou os elementos suficientes para iniciar unha investigación sobre o centro, e a inspección por parte da administración galega.

Residentes con feridas

As instalacións contaban con espazo para 23 residentes e nela atopáronse un total de 29. Segundo algunhas fontes, as persoas trasladadas ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) presentaban úlceras, chagas ou hematomas.

Política Social asegurou que están a ser atendidas do seu estado e que cando a situación se normalice serán trasladados a outros centros, en función do que decidan os seus familiares. As irregularidades detectadas pola Xunta nas condicións do centro e na atención aos residentes puxéronse en coñecemento da Garda Civil e remitiuse informe á Fiscalía ante a posibilidade de que o caso sexa constitutivo de "delito penal".