Sanidade pública | Vídeo

Novo colapso nas Urxencias do CHUS: "Están instalados na banalización do maltrato asistencial"

Pacientes agardando a ser atentidas nos corredores de Urxencias do CHUS, a cuarta feira 24 de xaneiro. (Foto: Nós Diario)

Até 25 pacientes agardando en padiolas e cadeiras de rodas no corredor de acceso e adxacentes agardando, durante horas, a ser atendidas.

O servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) continúa, a pesar de baixar a demanda asistencial, volveron sufrir un novo colapso durante a cuarta feira, 24 de xaneiro. Así o denuncia a Asociación de Pacientes e Usuarias do CHUS nun comunicado, no que sinalan que até “25 pacientes graves estaban colocados en padiolas e cadeiras de rodas no corredor de acceso e adxacentes agardando durante horas a ser atendidas e soportando a vulneración do seu dereito á intimidade e á dignidade”.

Algúns deles, afirman, “sufrindo visíbeis episodios de dor”. E a estas 18 pacientes graves, o colectivo de usuarias suma outras 52 co ingreso asinado en planta que “agardaban por unha cama e ocupaban as zonas de traballo”.

De acordo dos datos publicados no pulso do CHUS, entre a cuarta e a quinta feira foron atendidas 456 persoas (115 menos que o 26 de decembro de 2023, no que se deu o pico de demanda máis elevado das últimas semanas). O mesmo rexistro indica que o nivel de ocupación foi de 948 camas sobre un total de 1.511 dispoñíbeis, o que representa un 62% de ocupación.

“Maltrato asistencial”

Para a Asociación de Pacientes e Usuarias do CHUS, os e as responsábeis da área sanitaria e do servizo están “instalados na banalización do maltrato asistencial” que padecen as pacientes sen que “os chamados plans de continxencia teñan efecto algún sobre a calidade asistencial”.

Na mesma liña, o colectivo asegura que o tempo de demora para lograr unha cita presencial por unha doenza nova Atención Primaria alcanzou, o 16 de xaneiro, os 14 días no Centro de Saúde de Rianxo (O Barbanza), os 8 días no do barrio compostelán de Vite e os 7 días nos ambulatorios de Fontiñas e no Concepción Arenal.

“É obvio que con demoras que oscilan entre os 6 e os 14 días as persoas que padecemos unha doenza que se agrava co tempo recorremos aos servizos de urxencias en busca de atención”, afirman no comunicado.

Detrás dos colapsos no servizo de Urxencias estarían, segundo a asociación, as “carencias” en Atención Primaria. “A causa de todo isto está situada na carencia de persoal que poida ser asignado ás camas para que estean abertas e dispoñíbeis no momento en que se requira polos facultativos de Urxencias”, indican, un problema ao que engaden o “anormal funcionamento da Atención Primaria que non está dando resposta ás demandas de atención e que non responde aos principios de seguimento, continuidade e atención urxente previsto polo vixente ordenamento xurídico”.

O resultado son uns servizos de Urxencias colapsados, no que se vulnera o dereito fundamental do paciente a dignidade e a intimidade e no que se ve afectada a calidade asistencial como consecuencia da incapacidade das profesionais de atender nesas condicións a demanda de atención”, conclúen.