crise dos pellets

VÍDEO | Persoal da CRTVG mobilízase contra a "manipulación informativa" da Xunta na crise dos pellets

Protesta do persoal da CRTVG esta quinta feira (Foto: Comité Intercentros).
“Contra a manipulación informativa na cobertura da vertedura de pellets na costa galega. Chamamos a todas as traballadoras a secundar esta mobilización e non quedar caladas ante este novo uso burdo e partidista dos medios públicos de todas as galegas para silenciar a catástrofe”, manifestaron desde o Comité Intercentros.

A xestión por parte da dirección da CRTVG ante a crise dos pellets que vive a Galiza durante estes días provocou unha concentración do Comité Intercentros do ente público en protesta pola cobertura informativa da radio e televisión públicas galegas.

Foi na entrada ao edificio da TVG en San Marcos, Santiago de Compostela, onde decenas de traballadoras e traballadores se mobilizaron e berraron proclamas en contra de como a CRTVG está a informar da crise. “Fóra xa da CRTVG” ou “Menos submarinos e máis informativos” foron algunhas das proclamas que se puideron escoitar ao longo da concentración do persoal.

“Contra a manipulación informativa na cobertura da vertedura de pellets na costa galega. Chamamos a todas as traballadoras a secundar esta mobilización e non quedar caladas ante este novo uso burdo e partidista dos medios públicos de todas as galegas para silenciar a catástrofe”, manifestaron desde o Comité Intercentros.

Suma e segue

As protestas do persoal do ente público véñense intensificando nos últimos tempos. A finais de 2023, o propio Comité Intercentros solicitaba a intervención urxente da Xunta de Galiza e do Parlamento galego para que actúen para pór fin a unhas prácticas “incompatíbeis coa prestación do servizo público que o ente ten ditado por lei, nomeadamante unha manipulación informativa que consideran xa un gravísimo delirio partidista”.

A manipulación -denuncia o comité- agravouse especialmente na Radio Galega, onde o pasado 23 de outubro, xa ben iniciada a temporada de outono, se produciron “sorpresivos” cambios organizativos e de contidos “que a empresa non quixo xustificar e que o persoal interpreta en chave de incrementar o control político e apartar dos micros ás profesionais que se negan a escribir ao ditado dos intereses da dirección”.

A manipulación, lembra o comité de empresa, continúa a practicarse “sen pudor” tamén nos telexornais da TVG, “onde se repite o mesmo ideario que manexa e lle convén ao Partido Popular”.