VÍDEOS NO INTERIOR

A eclipse foi totalmente visíbel en México, Estados Unidos e Canadá

Visión da eclipse desta segunda feira desde Burnet County, nos Estados Unidos (Foto: Bob Daemmrich / ZUMA Press Wire / dp / DPA vía Europa Press).
No caso da Galiza, malia as expectativas xeradas, a visibilidade foi ínfima.

A Galiza e Portugal foron os dous territorios da península máis nomeados para unha observación parcial da eclipse de sol que tivo lugar esta segunda feira ao solpor. Porén as expectativas na Galiza non foron moi favorábeis.

A eclipse total de sol foi visíbel, principalmente, en México, Estados Unidos e Canadá. No Estado español, chegou a apreciarse como parcial e de forma extremadamente limitada desde as Illas Canarias e o noroeste da península.

Unha eclipse de Sol consiste na ocultación progresiva do disco solar pola Lúa cando esta se interpón entre a estrela e a Terra. O fenómeno prodúcese por unha extraordinaria casualidade cósmica: o Sol é catrocentas veces máis grande que a Lúa mais tamén está catrocentas veces máis lonxe, co cal os seus tamaños aparentes vistos dende o noso planeta son moi semellantes. Así describen estes fenómenos desde a Agrupación Astronómica Ío, acontecementos que non son excepcionais a escala planetaria, mais si pouco frecuentes nun lugar determinado.

No caso da Galiza, malia as expectativas xeradas, a visibilidade foi ínfima, pois o comezo da eclipse coincidiu practicamente coa posta do Sol. Así, o primeiro contacto da sombra da Lúa co disco solar sucedeu arredor das 21 horas e o Sol púxose apenas nove minutos despois, co cal só se puido distinguir o inicio do fenómeno en poucos puntos do país, pois era necesario un horizonte completamente despexado que permitise ver o Sol até o último momento.

Cinco eclipses consecutivas

A boa nova é que non haberá que agardar moito para gozar de eclipses mellores. O ano que vén, o sábado 29 de marzo de 2025, terá lugar a media mañá unha eclipse parcial con case un terzo de disco solar oculto pola Lúa no noso país.

Porén, a data máis importante subliñada no calendario é a da cuarta feira 12 de agosto de 2026, cando desde a Galiza se poderá experimentar unha eclipse total de Sol, a primeira desde o ano 1912.

No que resta de década teremos máis oportunidades para experimentar eclipses parciais. A segunda feira 2 de agosto de 2027 producirase a media mañá outra eclipse cun 73% de escurecemento, ao igual que o 26 de xaneiro de 2028 e o 1 de xuño de 2030, con 70% e 50% de ocultación, respectivamente.