VÍDEO

‘DEP: Destruír é o plan’, o documental que retrata como se dinamita a sanidade pública galega

Fotograma do documental (Imnaxe: DEP)

O documental impulsado por SOS Sanidade Pública e que vén de estrearse fai unha radiografía da situación da sanidade na Galiza a través do relato dunha multiplicidade de voces, desde profesionais sanitarios a usuarios, pasando por xornalistas. Vídeo no interior. 

Esta cuarta feira proxectouse no Colexio Oficial de Médicos de Compostela DEP: Destruír é o plan, o documental impulsado pola plataforma SOS Sanidade Pública e no que se testemuña o impacto sobre este servizo fundamental de 15 anos de políticas do partido popular na Xunta da Galiza.

Profesionais da sanidade, persoas expertas no tema sanitario, usuarias.... O documental  recolle unha pluralidade de voces para certificar o que está a pasar coa sanidade pública na Galiza. Unha situación que ten un unha das súas consecuencias máis graves en que "a mortalidade evitábel non xustificada pola epidemioloxía segue crecendo na Galiza".

DEP -Destruir É o Plan from Sos Sanidade Pública on Vimeo.

Entre as voces que fan parte deste documental figuran médicos como Iria Fernández, Alicia Barreiro ou Xoán Casas; políticos como Ana Pontón, Valentín González Formoso ou Montse Prado, usuarias, Xosé María Dios e Manuel Martín, voceiros de SOS Sanidade; e tamén xornalistas, entre elas a directora de Nós Diario, María Obelleiro.

 

Ademais de analizar os motivos deste aumento da mortalidade, "sen dúbida relacionado coas inexplicábeis listas de espera que seguen crecendo" recollen os impulsores do traballo, o filme tamén mostra como se atopan os centros de saúde sen servizos mínimos e os PACs pechados, así como a falla de persoal en Atención Primaria.

Desde a propia plataforma fan un chamamento a que se difunda este traballo audiovisual: “Agradecemos a súa difusión, podes descargalo e colgalo onde queiras, (tanto por partes como enteira). Tamén agradecemos que se organicen visionados públicos e gratuítos en calquera sitio con proxector: centros socioculturais, bibliotecas, asociacións de veciños, cineclubes...”.

A sanidade é a segunda preocupación das galegas e galegos, tras o desemprego. Así o revelou a enquisa preelectoral do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS). Mais non é necesaria unha sondaxe para decatarse do impacto dos recortes acometidos na sanidade pública ao longo dos últimos anos. Calquera persoa usuaria do Servizo Galego de Saúde (Sergas) é consciente dunha perda da calidade asistencial que se percibe, sobre todo, nas esperas.

Listas de agarda

As listas de espera é un dos temas tratados neste traballo polo miúdo. Esta semana Nós Diario publicaba unha exclusica na que infiormaba que a Consellaría de Sanidade falseaba as listas de agarda das cirurxías: as cifras reais superan en 36% as oficiais.